Vigo al día

Salustiano Mato presenta a súa candidatura a reitor da Universidade

Salustiano Mato na presentación da súa candidatura.
Salustiano Mato na presentación da súa candidatura.

Intelixencia cooperativa nas relacións entre as universidades galegas; un modelo de financiamento autonómico baseado en obxectivos e alianzas estratéxicas con outras institucións. Estas son tres das liñas mestras de actuación apuntadas por Salustiano Mato na presentación pública da súa candidatura a reitor da Universidade de Vigo por Alternativa Universitaria na que o catedrático de Zooloxía agradeceu a confianza depositada nel para liderar un proceso no que “Alternativa Universitaria pode gañar a confianza para liderar a Universidade de Vigo os próximos catro anos”. Un proceso no que, caso de acadar a reitoría, Mato adiantou que estruturará un equipo de goberno no que “hai que buscar a complementariedade de defectos e capacidades”, contando para iso con todos os integrantes de Alternativa Universitaria.

Confirmada a súa intención de elaborar un programa de goberno que ademais de fixar os obxectivos estratéxicos explique como acadalos, Mato referiuse á Universidade de Vigo como “unha institución potente que achega solucións á sociedade” e que ten que ser aliada estratéxica das institucións e “contribuír ao desenvolvemento económico e social”. Nun entorno de crise como o actual o candidato a reitor incidiu na necesidade de lanzar retos ilusionantes e “converter este momento complicado nunha oportunidade”.

En relación as diferenzas que manteñen as universidades galegas e a Consellería de Educación sobre o financiamento das institucións académicas, o candidato a reitor por Alternativa Universitaria manifestou a necesidade de operar un cambio de modelo no que se primen os resultados, non só os académicos, senón tamén os produtivos. “Non pedimos financiamento a fondo perdido”, afirmou Mato, “páguenos en función dos resultados acadados pola institución”. Institucións que o candidato asegurou están subfinanciadas polo que cómpre acadar o nivel medio de financiamento que se rexistra en España e que non se acada no caso de Galicia. E é que para o candidato a reitor “as universidades somos un investimento e non un gasto. Un investimento que lles pode reportar beneficios e axudar a saír da crise”. Unha situación na que segundo o catedrático “a austeridade debe presidir o xeito de gobernar, aínda que non debe encorsetarnos para non ser quen de ver saídas e alternativas”.

Na súa presentación pública Mato incidiu na necesaria cooperación das tres universidades galegas para crear un sistema universitario “máis potente, uníndonos para gañar fóra, en caladoiros exteriores”. Nesta idea de “intelixencia cooperativa” que implica que as universidades compartan recursos, así como que se complementen, o catedrático de Zooloxía manifestou o seu convencemento en que “o noso espazo está tamén máis aló de Galicia”, concretamente noutras comunidades autónomas, en Portugal e países lusófonos e Latinoamérica.

Mato demandou un acordo entre as tres universidades e a Xunta previo á apertura do novo mapa de titulacións previsto para mediados deste ano. “Debemos reflexionar sobre que queremos”, apuntou Mato que considera que cómpre ter unha visión más alá de simplemente atender a demanda de formación do alumnado máis próximo e a curto prazo. Así, “cómpre ter unha visión a longo prazo e ver un mercado máis amplo, formando non só para o mercado laboral propio, senón tamén para establecer relacións máis alá”, explicou ao tempo que reivindicou as potencialidades dunha universidade inserida en Vigo, o motor económico de Galicia.
En canto ao proxecto de Campus Mariño o candidato a reitor destacou a súa importancia estratéxica ao tempo que apuntou a necesidade de construír e reforzar as relacións entre investigadores e institucións nun proxecto que “non só interesa á Universidade, senón a moitos outros sectores”. Aproveitar o potencial do SERGAS chegando a acordos que permitan facer unha descentralización e que as tres universidades compartan a docencia clínica de Medicina; artellar estratexias para enfrontar o fin do Plan INCITE da Xunta ou das achegas da UE que finalizan en 2013 e o mantemento do talento captado, foron outras ideas apuntadas por Mato para enfrontar un momento de cambios e retos que chegou a cualificar de punto de inflexión.

Fonte: DUVI

También te puede interesar