Galicia

Cincocentos mozos europeos solicitaron xa participar coma voluntarios no Xacobeo 2010

 

AlbergueA o redor de 500 mozos e mozas europeos xa teñen solicitado participar no voluntariado lingüístico do Xacobeo, que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, logo de que o departamento autonómico contactase con 25 asociacións xuvenís de distintos países co fin de cubrir as 30 prazas do proxecto “Eu Camiño”.
 
 A alta demanda e interese dos voluntarios europeos en participar no Xacobeo vén a demostrar o éxito da iniciativa, que ten como un dos seus principais obxectivos garantir a atención en distintos idiomas nos distintos albergues do Camiño Francés. De feito, esta é a primeira ocasión na que voluntariado internacional participa neste evento.

Para cubrir as 30 prazas do proxecto “Eu Camiño”, a Dirección Xeral de Xuventude contactou con 25 asociacións xuvenís de Austria, Bélxica, Estonia, Finlandia, Francia, Alemaña, Grecia, Hungría, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Holanda, Noruega, Malta, Polonia, Portugal, Reino Unido e Romanía.

 Os participantes chegarán a Galicia en abril, co fin de que leven a cabo a súa actividade voluntaria nos albergues nos meses de maior afluencia do Ano Santo. Durante ese mes, os asistentes participarán nun curso de inmersión lingüística, de formación especializada en historia e significado do Camiño de Santiago, así como das peregrinacións. Finalmente, na última semana deste mes, e co fin de completar a súa formación, percorrerán o Camiño Francés desde O Cebreiro.

Posteriormente, os voluntarios desprazaranse aos albergues do tramo galego entre maio e setembro, e colaborarán cos encargados das instalacións no traballo de axuda ao peregrino e de difusión da ruta.

Finalmente, no mes de outubro, os participantes concentraranse en Santiago co fin de avaliar e clasificar o material que cada un deles recolla na súa estadía, para preparar publicacións e contidos audiovisuais sobre a súa experiencia.

 

También te puede interesar