Destacados

O IGAPE amplía ate o 30 de xuño o plan re-imaXina de préstamos a PEMES e microempresas

PEMEAs empresas de recente creación, ás microempresas e as empresas que precisen financiamento para impulsar investimentos destinados a mellorar ou medrar poderán seguir contando cos préstamos habilitados pola Consellería de Economía e Industria no marco do plan re-imaXina, logo de que o Consello de dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) decidise prorrogar ata o 30 de xuño de 2010 o prazo para a presentación de solicitudes. Durante 2009, o Instituto recibiu 426 solicitudes no marco deste programa financeiro.

O obxectivo do re-ímaXina é habilitar préstamos subsidiados e avalados por un importe de ata 15 millóns de euros para apoiar o financiamento dos investimentos impulsados por novas pemes, por pemes que queren medrar ou renovarse para mellorar en competitividade ou por microempresas galegas. O Plan re-imaXina está deseñado para facilitar a concesión polas entidades financeiras de préstamos para investimentos, eliminando dous dos atrancos que adoitan dificultar o acceso ao financiamento das empresas de menos dimensión, as garantías e os custos de xestión.

As microempresas e pemes beneficiarias deste programa de apoio impulsado polo Igape poderán dispoñer de préstamos que contarán co aval dunha SGR polo 80% do importe do financiamento. Nin as entidades financeiras nin as SGR poderán requirir dos solicitantes máis garantías adicionais que as persoais dos promotores da actividade empresarial. Os beneficiarios tampouco deberán pagar á entidade financeira ou SGR correspondente ningún outro custo derivados da operación acollida a esta liña.

As achegas do Igape fan posible que os xuros dos préstamos concedidos polas entidades financeiras ao amparo deste programa sexan fixos, do 3,14%, no caso dos destinados a microempresas. Os préstamos para novas pemes e pemes competitivas serán variables e estarán referenciados ao euríbor a seis meses; en 2009, o xuro efectivo dos préstamos concedidos nestas dúas liñas foi do 2,98%.

Os préstamos concedidos ao abeiro destas bases e no marco do correspondente convenio, que o Igape asinou coas entidades financeiras adheridas e as sociedades de garantía recíproca que operan en Galicia, terán un prazo de amortización de ata 5 anos, no caso da liña para as microempresas, e de 5 a 7 anos nos concedidos nas liñas para novas pemes e pemes competitivas. En todos os casos, os prazos poderán incluír ata 1 ano de carencia na amortización do capital.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

  

 

 

 

 

  

 

También te puede interesar