Sin sección

A Cabalgata das Súas Maxestades sae ás 6 e media da tarde de O Castro

O Rei Baltasar á súa chegada hoxe a Vigo
O Rei Baltasar á súa chegada hoxe a Vigo

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e o concelleiro de Cultura, Xesus López, supervisaron os últimos preparativos da montaxe das carrozas que transportarán as Súas Maxestades os Reis Magos mañá polas rúas da cidade. A cabalgata deste ano, que ten como temática a celebración do Bicentenario da cidade, estará integrada por 13 carrozas e outros 19 grupos de animación e acompañamento.

Santi Domínguez explicou que as carrozas dos Reis Magos representan o Olivo como símbolo da cidade, o Vigo mariñeiro e o Sireno, facendo así un repaso dende ás orixes da cidade ata a actualidade. As Súas Maxestades irán acompañados polos 40 nenos e nenas que foron seleccionados no sorteo “Vente cos Reis Magos”, que se encargarán de repartir 4.000 kilos de caramelos sen glútem.

Xunto ás carrozas reais irán outras dez de empresas e entidades colaboradoras ás que o tenente de alcalde quixo agradecer a súa participación. Así o cortexo contará coa participación da Policía Local, Caixanova, Coca-Cola, Corte Inglés, Alcampo, Asociación de Comerciantes, Gadisa, Flota Vaurien Galicia, Radio Vigo e Construcciones Carrera Iglesias. Xunto a eles participarán 18 grupos de animación.

O tenente de alcalde indicou que haberá un posto de emerxencia na Praza da Independencia e postos de atención aos nenos e nenas perdidos en Camelias (xunto á Praza do Rei), na Praza Oito de Marzo, e na Praza de América (xunto ao monumento ao Emigrante). Tamén haberá un espazo para persoas con mobilidade reducida no miradoiro de Camelias, na confluencia con Hispanidade.

O tenente de alcalde dixo que falou con Melchor, Gaspar e Baltasar e xa lle adiantaron que chegarán a Vigo a primeira hora da mañá para percorrer hospitais e outros centros sociais. Ás once da mañá estarán na Praza do Rei, onde ofrecerán unha chocolatada a todos os nenos e nenas que se acheguen.

Xa pola tarde ás 18 horas serán recibidos na escalinata do Monte do Castro pola corporación municipal e recibirán a chave da cidade. Ás 18.30 horas partirá a comitiva, que percorrerá Camelias, Álvaro Cunqueiro, Camelias e Praza de América.

Santi Domínguez asegurou que Melchor, Gaspar e Baltasar manifestaron a súa satisfación por estar de novo en Vigo e garantiron que, a pesar da crise, non faltarán os xoguetes para os nenos e nenas viguesas. Segundo explicou, os Reis Magos fixeron moito fincapé en que queren vaian todos á cabalgata para darlles a benvida.

También te puede interesar