Galicia

Sogama quere mellorar a mentalización ecolóxica da poboación galega logo do cumio de Copenhague

A entidade prestará especial atención ao programa de visitas ás súas instalacións, polas que xa pasaron ao redor de 45.500 dende o ano 1999.

ReciclarEmpezarán a notarse en Galicia as consecuencias do cumio climático de Copenhague? Ou é que os galegos estamos concienciados co medio ambente? Sexa xomo fose,Sogama, actualizará a contratación dos servizos de información, concienciación e sensibilización da cidadanía a través da licitación dun concurso público. Cómpre sinalar que neste proxecto de presentación, terase unha especial atención ao programa de visitas ás súas instalacións, tanto ao Complexo Medioambiental de Cerceda coma á rede de Plantas de Transferencia distribuídas polo conxunto do territorio galego.
Máis participación na reciclaxe
A materialización deste labor permitirá, de acordo coas directrices comunitarias, estatais e autonómicas, abrir a porta á corresponsabilidade e maior participación dos distintos colectivos sociais nas boas prácticas ambientais, interiorizando o papel que estes deben desempeñar respecto ao consumo responsable, a prevención da produción de lixo, a redución, a reutilización e a recollida selectiva. Non en van, a Lei 10/2008 de Residuos de Galicia, encomenda a Sogama, entre outras funcións, a realización de accións para a mellora da xestión e prevención de residuos, incluídas as actuacións de formación e sensibilización. E todo isto co obxectivo de contribuír a un modelo de desenvolvemento racional, capaz de conxugar, de forma equilibrada, o crecemento económico, a protección ambiental e o progreso social, permitindo edificar deste xeito un futuro sostible para Galicia.

 

Qué se fai en Sogama?

A atención dispensada ás visitas realizadas á súa infraestrutura industrial inclúe, entre outras, tarefas informativas e explicativas, que deberán axustarse en todo momento aos distintos niveis educativos, utilizando como apoio o material didáctico necesario. Ademais da avaliación das enquisas de satisfacción a cumprimentar polos visitantes, e cuxos resultados serán incorporados aos informes mensuais que a adxudicataria remitirá a Sogama, esta tamén deberá describir e analizar as actuacións realizadas, así como os datos máis significativos, incluíndo propostas de acción que permitan mellorar a calidade do servizo.

Cun importe máximo de licitación de 144.000 euros, o contrato rexerá para un período de dous anos, podendo ser prorrogado por un ano máis, ata un máximo de tres.

45.500 visitas nunha década
Dende o ano 1999, as instalacións de Sogama recibiron ao redor de 45.500 visitas, dando á poboación a oportunidade de coñecer e comprobar de forma personalizada o seu cometido no plan de xestión de residuos urbanos de Galicia.

No ano 2002 chegaron a contabilizarse 8.168 visitas. A acollida desta iniciativa por parte da poboación levou a que, determinados grupos, como é o caso dos centros escolares e universidades, teñan instaurado nos seus proxectos formativos a visita a Sogama como actividade obrigatoria e complementaria das distintas disciplinas a estudar. Tanto é así, que o 76,5% das solicitudes corresponden a colectivos procedentes do ámbito educativo, mentres que o 23,94% restante está conformado por outros tales como asociacións, delegacións políticas e científicas, profesionais do sector, etc.

 

También te puede interesar