Música y Cine

Galicia lembra a Chano Piñeiro dándolle o premio que leva o seu nome a María Bouzas e Xavier Villaverde

chano piñeiroO xurado do premio Chano Piñeiro na súa cuarta edición, presidido polo secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, e constituído por profesionais de recoñecido prestixio, despois de valorar as diferentes candidaturas presentadas, acordou outorgarllo ex-aequo á actriz María Bouzas e ao realizador Xavier Villaverde, que asistirán a recollelos na gala que se celebrará en Santiago de Compostela o próximo martes 22 de decembro, que será emitida pola Televisión de Galicia, presentada por Camila Bossa e terá como invitado especial ao músico Carlos Núñez.

  Tal como se recollía na resolución publicada no DOGA o pasado 25 de novembro, a convocatoria “pretende promover a colaboración de institucións e asociacións culturais e audiovisuais coa concesión dos premios Chano Piñeiro”. En base a iso o premio Chano Piñeiro concederase como recompensa e recoñecemento da labor dos seleccionados, no seu ámbito correspondente, posto de manifesto a través dunha traxectoria relevante”, e ó mesmo tempo “outorgarase en base ás actividades de creación audiovisual realizadas por unha ou varias persoas físicas ou colectivos susceptibles de ser considerados creadores”.

 Segundo recolle a acta do xurado, concédese ex-aequo o premio Chano Piñeiro:

 Á actriz María Bouzas, pola súa dilatada e versátil traxectoria no teatro, a televisión e o cine galegos ao longo de vinte anos, contribuíndo igualmente á integración da muller no oficio da dramatización, ao tempo que se convertía nunha referencia para o obxectivo dun audiovisual propio.

 Ao director e realizador Xavier Villaverde de longa traxectoria profesional comezada nos albores do cine galego dos anos setenta ata o tempo presente, para experimentar con fortuna noutros soportes e formatos, sendo o único dos directores en activo desde que hai vinte anos estreou a súa primeira longametraxe.

 Igualmente a proposta do presidente do xurado, acórdase outorgar dous premios de Honra a dous persoeiros xa ausentes pero sempre na memoria de tódolos galegos vinculados co medio audiovisual.

 Ao cineasta  Carlos Velo Cobelas con motivo do centenario do seu nacemento por ter sido un referente no desenvolvemento histórico do xénero documental, ponte entre a cultura galega e mexicana, en máis de medio século de traxectoria profesional, e a José Luis Cabo Villaverde, finado no ano presente e vinculado a múltiples facetas das artes visuais, que ademais fora director do Centro Galego de Artes da Imaxe, institución que axudou a prestixiar durante o seu mandato.

 Os premios Chano Piñeiro foron instituídos pola Xunta de Galicia en 2006 e no seu palmarés figuran nomes do prestixio dos directores Alejandro Amenábar, Jaime de Armiñán e José Luis Cuerda, ou dos actores José García, Antonio Durán “Morris” ou Eduardo Blanco, entre outros.

También te puede interesar