RGPD - Cookies
Ciencia y Tecnología Cultura

Galiciadixital recibiu 2.500 visitas no Calvario

O can 'axouxere' estivo presente en Galiciadixital
O can 'axouxere' estivo presente en Galiciadixital

A exposición itinerante interactiva da Secretaría Xeral de Medios, Galiciadixital, que acolleu o Centro Sociocomunitario do Calvario dende o 9 de decembro, pechou onte as súas portas cun total de 2.515 visitas. A mostra, que segue co obxectivo de achegar as novas tecnoloxías aos máis maiores, viaxa agora a Ferrol onde se poderá visitar na Residencia da Terceira Idade do 22 ao 27 deste mes.

A través desta exposición a Secretaría Xeral de Medios, en colaboración coa Secretaría Xeral de Familia e Benestar, pretende mostrarlles aos galegos e galegas de todas as idades o audiovisual e os multimedia realizados por empresas e universidades galegas así como promover a interrelación entre mozos e maiores. Durante o ano 2010 a mostra iniciará tamen un percorrido polos hospitais galegos.

Galiciadixital ofrece unha experiencia interactiva distinta á dos museos convencionais, pensada para que os visitantes non sexan simples espectadores, senón que participen en todo o seu percorrido achegando así os avances en tecnoloxías multimedia e audiovisuais producidas en Galicia á cidadanía dende localidades preto da súa residencia.

As novas tecnoloxías introducen ao visitante nunha atmósfera especial que amosa unha Galicia diferente, unha viaxe de sensacións, imaxes, luces e sons que o envolven e que lle permiten gozar dunha experiencia nova e divertida nos eidos do audiovisual e o multimedia.

A través da web http://galiciadixital.xunta.es, pódese obter información sobre a exposición permanente, en San Martiño Pinario (Santiago de Compostela), así como sobre as distintas actividades levadas a cabo en diferentes localidades de Galicia.

También te puede interesar