Sin sección Vigo al minuto

Vigo acolle ‘nada pola borda’

Puerto de Vigo
Puerto de Vigo

O Centro Tecnolóxico do Mar acollerá o vindeiro 18 de decembro a xornada de difusión de resultados do proxecto “Nada pola Borda”, unha experiencia práctica de recollida e xestión dos residuos sólidos depositados nos fondos e nas augas das rías e da plataforma continental galega, é dicir, nos caladoiros onde faena a flota de artes menores e a flota litoral.

Coordinado pola Fundación CETMAR, o proxecto conta coa participación do ente público Portos de Galicia e dos portos de Vigo, A Coruña e Marín, así como coa colaboración de diferentes segmentos da flota pesqueira con base en A Coruña, Burela, Laxe, Fisterra, Muros, Cambados, Marín e Vigo.

Persoal técnico do Centro Tecnolóxico do Mar dará conta das accións piloto desenvolvidas no marco do proxecto. Tamén informará das conclusións e resultados desta iniciativa, que ten como obxectivos fundamentais a concienciación dos axentes do sector no que se refire á problemática dos residuos sólidos no medio mariño, a divulgación de boas prácticas a bordo e facer unha primeira aproximación ao estado ambiental dos fondos mariños en canto á presenza de residuos sólidos.

As embarcacións que participaron nesta primeira fase do proxecto recolleron os residuos que atoparon nos seus aparellos durante as faenas ordinarias e depositáronnos en colectores ou sacos específicos a bordo. Unha vez no porto procedeuse a súa caracterización e posterior xestión. Así, a colaboración do sector pesqueiro –armadores, patróns, mariñeiros- resultou imprescindible para a execución desta experiencia piloto, mediante a que se pretende conseguir unha primeira información sobre a situación actual dos fondos mariños galegos no que se refire á acumulación dos residuos sólidos.

Ademais de procurar un achegamento á situación ambiental dos fondos dos caladoiros onde operan as embarcacións de arrastre litoral e artes menores en canto á acumulación de residuos sólidos, o proxecto “Nada pola Borda” persegue tamén a posta en marcha dun sistema de recollida e rexistro da información relativa a eses residuos que se atopan no leito mariño e que veñen a bordo nas faenas de pesca, acometendo ademais a súa caracterización, determinando a súa tipoloxía e detectando as posibles tendencias de distribución dos mesmos nos fondos. En definitiva, trátase de contribuír a reducir a cantidade deses residuos e de avanzar na concienciación ambiental no mundo da pesca. Para iso está prevista, entre outras accións, a elaboración dun manual de boas prácticas.

A directora-xerente do CETMAR, Paloma Rueda Crespo, será a encargada de abrir a xornada dedicada ao proxecto “Nada pola Borda” que terá lugar o día 18 a partires das dez da mañá na sala de conferencias do Centro en Vigo. A continuación, técnicos da Fundación procederán á presentación do proxecto e darán conta das accións piloto desenvolvidas ao seu amparo, así como dos resultados e das conclusións froito deses traballos. Tamén se contará coa presenza de Tom Piper, coordinador de “Fishing for Litter”, unha experiencia pioneira que se desenvolve en Escocia cos pescadores do país con obxectivos similares. Un coloquio sobre a oportunidade e necesidade de establecer os esquemas de “Nada pola Borda” na flota de Galicia no contexto da reforma da Política Pesqueira Común da UE pechará o evento a mediodía.

También te puede interesar