O sector marisqueiro galego afronta este martes unha situación crítica coa paralización de todos os polígonos de bateas de mexillón e gran parte dos bancos marisqueiros debido a un episodio de toxina lipofílica, sen previsión de cando poderán reabrir.
Segundo responsábeis do Intecmar, o episodio actual presenta uns niveis de toxicidade especialmente altos, o que está a ralentizar a recuperación natural das rías.
Aínda que o fitoplancto comeza a diminuír, a eliminación da toxina será lenta e dependerá da evolución meteorolóxica, o que impide fixar unha data para a reapertura.
A toxina responsable é a dinophysis acuminata, habitual nestes episodios de marea vermella en Galicia durante a primavera.
Posible extensión a máis bancos marisqueiros
O Intecmar non descarta novos peches nos próximos días, xa que estes episodios adoitan iniciarse na boca das rías e avanzar cara ao interior.
A previsión actual apunta a unha reapertura escalonada: primeiro Ares-Betanzos, despois Arousa, e posteriormente Vigo, mentres que Pontevedra e Muros-Noia serían as últimas en recuperar actividade, ao rexistrar os niveis máis elevados de toxicidade.
Risco sanitario controlado, pero impacto no sector
O consumo de moluscos contaminados pode provocar vómitos, náuseas, diarreas e dor abdominal, aínda que os produtos volven ser seguros unha vez desaparece a toxina.
As autoridades insisten en que os controis evitan que os moluscos cheguen ao mercado en condicións non aptas, pero o impacto produtivo xa é notable.
Un sector que vén de anos complicados
Este novo episodio chega tras un 2025 especialmente negativo para o sector. A produción de mexillón en Galicia caeu ata as 177.638 toneladas, un mínimo histórico e o terceiro ano consecutivo de descenso.
Esta cifra está moi lonxe do máximo de 2006, cando se acadaron case 300.000 toneladas.
A isto súmanse os efectos dos temporais de inverno, que reduciron a salinidade da auga e provocaron perdas relevantes nos bancos marisqueiros.
Impacto grave no marisqueo a pé
O marisqueo tamén atravesa unha situación delicada, con episodios de mortalidade do recurso que nalgúns puntos chegan ata o 90 %. A Xunta cualifica o impacto como “moderado ou severo” en 25 confrarías, que agrupan arredor de 2.200 mariscadoras e mariscadores.
Como resposta, ofrécese un convenio de paralización da actividade con traballos de rexeneración dos bancos a cambio dunha compensación mensual de 698 euros.