Galicia

Feijóo deixa o voto en urna dos emigrantes nas mans de Zapatero

Feijóo está de viaxe en Sudamérica
Feijóo está de viaxe en Sudamérica

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, asegurou en Montevideo que “sería un fracaso da política se non somos capaces que nas seguintes eleccións xerais ensaiemos a fórmula do voto en urna”. “Creo que sería un fracaso da política e dos políticos se non somos capaces que na seguinte elección do presidente do Goberno de España todos os españois poidan votar coas mesmas garantías de seguridade, transparencia e fiabilidade”, sentenciou.

Feijóo afirmou que “un país de enorme impacto na emigración como é España, especialmente Galicia, pero España na súa totalidade, con tres millóns de españois residindo fóra o lóxico é que teñan un sistema de votación acorde cun país democrático e cun país occidental como é España”.

O mandatario galego expresou o seu desexo de que esta situación se desatasque, “soamente –dixo- é necesario vontade política”; e que o Goberno central acepte a petición maioritaria dos grupos da oposición. “Por suposto, o Grupo Popular no Congreso dos Deputados, o Bloque Nacionalista Galego, e outros grupos que están apostando por un voto en urna”.

Neste sentido, Feijóo considera que o ano 2012 se pode conquerir e “espero e desexo –matizou- que o Goberno de España se decate de que reformar esa lei é simplemente dignificar o voto do exterior e iso sempre é bo para toda democracia e para calquera goberno”.

Deste xeito, para Feijóo, urnas e papeletas teñen que ser o que marque a elección do presidente do Goberno central. “O sistema xeral ten que ser mediante voto en urna nos consulados, nas embaixadas e nos centros españois e nos centros galegos. Hai multitude de mesas electorais, de colexios electorais que xa están feitos desde hai máis dun século e o único que hai que facer é enchelos de urnas e de papeletas”.

O mandatario galego explicou que isto non quere dicir prohibir o voto por correo, “pero desde logo –afirmou- ese voto por correo ten que ser testemuñal e en todo caso ten que ser un voto por correo certificado, coas mesmas certificacións na entrega da papeleta, no momento en que se lle entrega ao votante e no momento en que o votante o entrega nas estafetas de correos. E ese sistema excepcional tense que transformar mediante correo certificado”.

También te puede interesar