Galicia

As pernoctacións de peregrinos crecen un 6,15% con respecto a 2008

Espéranse unhas estatísticas boas para 2010.
Espéranse unhas estatísticas boas para 2010.

A ocupación nos albergues da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo en 2009 supera xa os datos rexistrados no exercicio de 2008 e de 2003, previo ao anterior Ano Santo. Entre xaneiro e novembro do presente ano, contabilizáronse 327.450 pernoctacións, incrementando nun 6,15 por cento o total de pernoctas de 2008 (308.476) e nun 11,7 por cento o total de 2003 (293.146).

Atendendo á distribución das pernoctacións por Camiños de Santiago, o Camiño Francés foi o de maior afluencia de peregrinos contabilizando un total de 223.152 pernoctas nos 21 albergues da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. No resto dos Camiños, a ocupación rexistrada responde aos seguintes valores: Camiño Portugués, 27.907; Vía da Prata, 23.752; Camiño Fisterra-Muxía, 21.071; Camiño Norte, 16.541; Camiño Primitivo, 11.388 e Camiño Inglés, 3.639.

O comportamento do ano 2009 no que se refire a estacionalidade da ocupación nos albergues foi similar ao de anos anteriores, cunha ocupación completa nos meses do verán. En agosto contabilizáronse un total 63.843 pernoctacións, seguido do mes de xullo (56.793), setembro (45.082),  xuño (42.813), maio (36.893), abril (29.549), outubro (27.578), novembro (9.495), marzo (9.245), febreiro (3.703) e xaneiro (2.510).

Para o responsable da oficina técnica da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, José Manuel Pichel, este datos “son indicadores moi positivos que marcan as mellores expectativas de cara ao Ano Santo”. Neste sentido, é importante sinalar que dende 2008 non se permiten pernoctacións nos albergues por enriba da súa capacidade oficial, algo que viña sendo unha práctica habitual e que alteraba as estatísticas de ocupación. “As cifras de 2009 son por este motivo máis reais e nos obrigan a estar preparados de cara a 2010, un Ano Santo excepcional polo feito de ser o último Xacobeo ata o próximo 2021”, asegura.

Intervencións nos albergues

“Desde o Xacobeo estamos a traballar para dar resposta axeitada ás necesidades dos peregrinos en 2010, tanto a través das intervencións previstas nos albergues, respecto a súa conservación e mellora do seu equipamento, coma nas actuacións sobre o trazado e sinalización do propio Camiño”, afirma José Manuel Pichel.

Neste sentido, a previsión da Consellería de Cultura e Turismo é duplicar o número de prazas durante a época de maior afluencia de peregrinos. Segundo Pichel, “estase a avanzar en colaboración cos concellos polos que discorre o Camiño para buscar a solución máis axeitada mediante albergues provisionais nos puntos onde prevemos que pode haber problemas de masificación”.

Durante o pasado Ano Santo 2004, rexistráronse 735.819 pernoctacións nos albergues da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. Naquel mes de agosto, acadáronse un total de 219.311 pernoctas e a ocupación maior contabilizouse no Camiño Francés, no que a afluencia de peregrinos traduciuse en 561.804 pernoctacións.

Como caso singular, é importante mencionar o gran aumento de peregrinos que experimentou o Camiño de Fisterra-Muxía. Cando se inaugurou en 1997, o albergue de peregrinos de Fisterra, con 36 prazas, contabilizou algo mais de 200 pernoctacións e, no que levamos de ano 2009, xa pernoctaron neste albergue mais de 7.000 peregrinos. En total, a vila de Fisterra rexistrou nos seus aloxamentos máis de 19.000 pernoctacións de peregrinos.

También te puede interesar