Galicia

Os parques naturais e nacionais de Galicia recibiron máis de 600.000 visitas ao longo do ano

As Cies atópanse entre os máis visitados.
As Cies atópanse entre os máis visitados.

Os Parques Naturais e Nacional de Galicia recibiron a visita de máis de 631.000 persoas ao longo deste ano 2009. Os parques con maior afluencia foron o Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, con preto de 300.000 persoas, e o Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, con 274.716 visitantes.

A Rede de Parques de Galicia está composta por seis parques naturais, a Serra da Enciña da Lastra, Monte Aloia, O Invernadeiro, o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, Fragas do Eume e o Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán; e un parque nacional, o P.N. Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.

Esta elevada afluencia pon de manifesto a calidade natural e paisaxística que posúe o territorio galego, o prato forte da Comunidade Autónoma en canto ao turismo nacional. O director xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, Ricardo García-Borregón Millán, destacou os recursos naturais dos que pode presumir Galicia e manifestou o interese da Xunta en dar a coñecer os parques do interior (principalmente, o Xurés e o Invernadoiro)  que contan cuns valores naturais excepcionais pero pouco coñecidos.

Medidas de conservación

As principais medidas que se levaron a cabo nos distintos parques foron de conservación da fauna e flora destes conxuntos. As liñas estratéxicas encamiñáronse ao control e erradicación de especies exóticas invasoras vexetais, tales como o eucalipto e o piñeiro, e animais, como a rata negra ou o visón americano (localizado no P.N. Illas Atlánticas).

En canto a actuacións, a Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, centrouse nas medidas de protección de hábitats e especies para, deste xeito, protexer as zonas que albergan hábitats de interese e zonas de cría de especies.

Procedeuse ao arranxo das infraestruturas presentes nos distintos espazos, tales como os Centros de Interpretación da Natureza e Centros de Visitantes; reparación e reforzamento de pontes e refuxios e acondicionamento de camiños e sendeiros.

Defensa contra incendios forestais

O mantemento de cortalumes, desbroces e actuacións silvícolas foron claves para a prevención de lumes forestais. As brigadas de conservación procederon á realización de corta e apilado de madeira derribada polos temporais.

Ademais, os distintos parques apostaron pola concienciación da poboación mediante folletos, recomendacións e normativa. A redución de residuos, sobre todo naqueles parques autorizados e dotados de instalacións para acampar, axudou en gran medida á conservación destes paisaxes naturais.

Educación Ambiental

Os programas de visitas guiadas tiveron moi boa acollida entre os visitantes. A orientación das mesmas baseouse en actividades relacionadas co significado dos espazos, a súa necesidade de conservación e a influencia socioeconómica nas poboacións colindantes.

Levouse a cabo o programa “Vive ao Natural” que, ademais de itinerarios interpretativos guiados por monitores, contou cunha serie de exposicións, charlas e proxeccións audiovisuais.

Candidatura á Reserva da Biosfera

En maio deste ano, a UNESCO aprobou a candidatura transfronteiriza Gerês – Xurés (presentada en marzo de 2008) para converter unha superficie total de 267.958 hectáreas en Reserva da Biosfera. Actualmente, estase a traballar na constitución dos órganos de xestión e no plan de acción de reserva.

O programa de cooperación transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 traballa na xestión conxunta do Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés co Parque Nacional da Peneda Gerês.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.