Comarcas Cultura

Os mellores saxos de Redondela, de ruta por Holanda

A Orquestra de Saxos do Conservatorio de Redondela.
A Orquestra de Saxos do Conservatorio de Redondela.

A Orquestra de Saxos do Conservatorio de Redondela comezou esta semana unha xira de concertos por Holanda, que os levará ata o 19 de outubro á cidade de Tilburg, desde onde se desprazarán aos diferentes lugares de actuación. En total, 46 músicos, 44 saxofonistas e 2 percusionistas que actuarán baixo a batuta de Elisa Arias e que realizarán 7 concertos, varios deles compartidos con formacións holandesas.

Entre os concertos que darán, destaca o realizado na Universidade de Fontys, onde a directora realizará unha poñencia acerca da escola, recursos, metodoloxía e pedagoxía do saxofón que se segue no conservatorio de Redondela e que permite aunar idades e niveis moi diferentes dentro dun mesmo grupo instrumental. Esta noite, a orquestra actuará coa Banda Orpheo baixo a batuta do compositor e director Hardy Mertens e esa mesma agrupación interpretará a obra Maruja do Compositor e mestre José Pérez, que será o encargado de dirixila.

O grupo actuará ademais na praza principal de Tilburg nun concerto aberto ao público nun espazo cuberto e rematará as súas actuacións participando na tarde do domingo na chamada “Tarde Musical” acompañados por outras dúas formacións holandesas.

Esta xira de concertos ven culminar unha traxectoria, sempre ascendente da orquestra de saxos, e que se iniciou xa hai máis dunha década e que a levou a editar 2 discos, a colaborar con músicos da talla de Pedro Iturralde, a visitar países como Italia e Portugal e a establecer unha relación moi estreita con docentes europeos como Walter Boeykens, Jean Pennings ou Hardy Mertens.

A viaxe supón un importante desembolso para a agrupación que costeará cos seus aforros a totalidade dos gastos, á espera de que entidades como o concello ou a deputación aporten algún tipo de subvención.

También te puede interesar