Destacados Vigo al minuto

‘Stop’ aos problemas de transporte

Fartos dos problemas de mobilidade en toda a área metropolitana, a Favec e 35 asociacións veciñais de Vigo botan a andar unha campaña para que os vigueses tomen conciencia sobre a necesidade de buscar solucións inmediatas aos graves e crecentes problemas de transporte, aparcamento e vías de comunicación da cidade. Baixo o lema ‘Por unha mobilidade efectiva. En Vigo non imos esperar máis’, unha exposición itinerante percorrerá 6 asociación veciñais para amosar os distintos problemas cos que se atopan os veciños nos seus desprazamentos.

Unha mostra coas testemuñas de xente de a pé como Duli, un veciño de Candeán que para chegar ao seu posto de traballo na Porta do Sol tarda unha hora usando o transporte público e que, en moitas ocasións, debido aos retrasos dos autobuses non chega a tempo de recoller aos seus fillos no colexio. E se ten que botar man do seu coche a cousa empiora: entre 4 e 7 euros gasta en aparcadoiros cada día. Se ti queres contar a túa situación persoal podes facelo na web da Favec.

Esta iniciativa xurde tras 9 xuntanzas veciñais para intentar atopar solucións aos problemas de mobilidade no centro, coa saturación de tráfico, a falla de aparcadoiro en superficie e o custo do subterráneo; a mobilidade entre parroquias e a interurbana, sen servizos suficientes, sen coordinación e cun custe elevado. Unha serie de características que fan que desprazarse en Vigo utilizando o transporte público sexa máis gravoso e difícil que no resto de cidades.

A Favec reclamará ao Concello que se executen os acordos existentes en materia de transporte e que se convoquen aos órganos de participación cidadá creados para iso non só para aprobar as tarifas de prezos do autobús e dos taxis unha vez ao ano, xa que a normativa marca ao menos unha reunión cada tres meses. Ademáis, denuncian que hai unha aposta clara polo transporte privado como medio de transporte e recadación (11 novos aparcadoiros soterrados previstos e 140.000 euros en multas), a saturación do casco urbano ou unha humanización caótica, entre outras.

Por todo isto, a Federación Veciñal reivindica a participación dos cidadáns nas decisión relativas á mobilidade no Plan de investimento local para 2010, no Consello Municipal de Transportes e mobilidade ou nos órganos participativos da Área Metropolitana; que se elabore un plan de mobilidade para a cidade cun servizo de transporte público urbano decente (liñas cada 5 minutos no centro e cada 15 nas parroquias, revisión de trazados, abono metropolitano…) e fomentando o emprego da bicicleta; e que se executen os acordos relativos á mobilidade por parte das administracións (aparcadoiros disuasorios, estacións intermodais, intercambiadores en puntos clave, cercanías…).

También te puede interesar