_agenda Agenda

As redes sociais toman o Marco

O foro máis importante adicado a implicacións sociais, culturais e artísticas da tecnoloxía dixital e dos novos medios, ArtFutura. chega de novo desde hoxe ao Marco en exclusiva para Galicia. Baixo o brazo, un programa audiovisual que se proxectará de forma simultánea nas quince cidades do CircuitoFutura ao longo de todo o mes.

Nesta ocasión o protagonista será o documental ‘We Live in Public’, un extraordinario filme sobre as redes sociais e a privacidade en Internet, gañador da pasada edición de Sundance e que forma parte da colección permanente do MoMA de Nova York. Dirixido por Ondi Timoner, analiza a experiencia de Josh Harris e a súa compañía Pseudo no Nova York das ‘punto-com’. Harris creou a primeira rede de televisión por Internet e intuíu con gran clarividencia as consecuencias da nosa vida futura na rede.

Non será o único que se proxecte. Ademais de ‘We Live in Public’, o programa inclúe ata o 27 de novembro seleccións de animación 3D, un especial dedicado a Passion Pictures, a selección Futura Graphics (motiongraphics, virais e videoclips) e a nova sección World Wide Work, dedicada á creatividade en Internet.

O festival será xoves e venres de 19 a 21 horas e sábados de 17 a 21 horas. Pero ollo: o Maratón ArtFutura chegará os días 12, 13 e 14 de novembro coincidindo co oitavo aniversario do Marco e o sábado 20 as proxeccións rematarán media hora antes ao coincidir cunha performance do Festival ‘Chámalle X’.

As proxeccións de hoxe

‘We live in public’ (versión orixinal subtitulada) é o resultado de dez anos de traballo e máis de 5.000 horas de metraxe que revelan o efecto da tecnoloxía dixital na nosa sociedade a través dos ollos de Josh Harris, o ‘Warhol da web’, fundador de Pseudo, a primeira rede de televisión por internet que xurdiu durante o apoxeo das punto com nos anos 90.

Mentres, ‘Chico y Rita’ son 30 minutos de documental sobre o making off da película, un proxecto de tres grandes artistas namorados de Cuba. Javier Mariscal e Fernando Trueba, coa axuda de Tono Errando crean esta pequena obra de arte, plena de vivas cores, que reflicte fielmente a Habana de finais dos anos corenta. Para levar a cabo esta película de animación, Mariscal inspirouse en fotografías da Cuba de 1949, recreando todos os escenarios coa precisión dun artesán.

También te puede interesar