A. Buendía | vigoalminuto
Tres historias de amor, tres mortes e unha boa dose de retranca. ‘Os vellos non deben de namorarse’, a obra coa que Castelao levou ao teatro o humor, a ironía e o imaxinario popular galego, volverá subir ao escenario este domingo 22 de novembro no Rosal. Desta volta serán os alumnos da Aula Municipal de Teatro os encargados de dar vida aos seus personaxes no auditorio municipal, a partir das 19.00 horas.
A representación recupera un espectáculo co que o alumnado pechou o curso pasado e que naceu como homenaxe a un dos grandes nomes da cultura galega, coincidindo coa celebración do Ano Castelao 2025. Baixo a dirección de A Artística, o grupo volve enfrontarse a unha obra que, malia o tempo transcorrido desde a súa creación, conserva intacta a súa capacidade para falar das paixóns e das contradicións humanas.
Dividida en tres lances, a peza afástase dos códigos máis convencionais do teatro para construír un universo propio, no que o amor e a morte se mesturan co humor máis mordaz. Castelao bebe da tradición popular galega, pero dálle unha forma teatral singular, na que a poesía, o sarcasmo e a retranca teñen tanto peso como os propios personaxes.
A historia da obra tamén está ligada á emigración: a súa estrea tivo lugar en Bos Aires, ante a colectividade galega do exilio, antes de iniciar un percorrido que a convertería nun dos títulos máis representativos do teatro galego.
A función deste domingo no Rosal terá entrada libre e gratuíta.
OuTraS NoVaS
- Castelao volve ao escenario no Rosal cunha das grandes obras do teatro galego
- Los líos amorosos de ‘El otro lado de la cama’ vuelven con cuatro funciones
- Una especialista del Álvaro Cunqueiro presidirá la Asociación Española de Cirujanos
- El PSOE recorta distancias con el PP a once días del 29-N
- Nécoras, camarones y una embarcación sin matrícula: el extraño almacén de marisco descubierto en Cangas






