
A. Buendía | vigoalminuto
Hai negocios que levan décadas levantando a persiana cada mañá e que poden desaparecer cando os seus propietarios se xubilen. Non necesariamente por falta de clientes ou porque non sexan rendibles, senón porque ninguén colle o relevo.
É unha das ameazas que afronta o comercio de proximidade e a realidade que a Federación de Comercio de Pontevedra, en colaboración coa Deputación e a Xunta, quere poñer no centro do debate coa súa nova campaña, presentada este xoves en Vigo e que ten como imaxe á campioa paralímpica Susana Rodríguez Gacio.
«A remuda tamén é unha vitoria. O comercio local sábeo ben»
Este é o lema dunha iniciativa que establece un paralelismo entre o deporte de elite e o pequeno comercio: detrás dunha medalla hai anos de adestramento e sacrificio; detrás dun establecemento que permanece aberto tamén hai moitas horas de traballo, decisións e dificultades que non sempre percibe o cliente.
A elección de Susana Rodríguez Gacio ten tamén unha conexión persoal coa mensaxe. A deportista seguiu os pasos do seu pai na medicina, unha decisión que lle permite trasladar á campaña a importancia da vocación e da continuidade entre xeracións. Valores que tamén están presentes nos negocios familiares cando chega o momento de pasar o testemuño.
Na presentación, celebrada na sede viguesa da Deputación de Pontevedra, o presidente da Federación, Iván Iglesias, advertiu de que o peche dun comercio por falta de sucesión supón algo máis que a desaparición dunha actividade económica.
«Cando pecha un comercio por falta de remuda, non perdemos só unha actividade económica. Perdemos experiencia, proximidade, identidade e unha parte da vida dos nosos barrios e vilas», afirmou.

Moito máis que abrir e pechar a persiana
A campaña tamén pretende mostrar o traballo que non se ve. Detrás do mostrador hai provedores cos que negociar, gastos que controlar, novas tecnoloxías ás que adaptarse e unha actividade diaria que obriga a tomar decisións e asumir riscos.
«Vemos a medalla, pero non vemos todas as horas de adestramento que hai detrás. No comercio pasa exactamente o mesmo», explicou Iglesias, que salientou a perseveranza dos profesionais que manteñen abertos os seus establecementos mesmo cando as cousas non van ben.
O presidente da Federación defendeu a necesidade de facilitar a continuidade dos negocios con medidas de apoio á modernización, formación e redución de trabas. Tamén advertiu de que o comercio de proximidade non debe pretender converterse nunha réplica das grandes plataformas dixitais.
«O futuro do comercio local non está en imitar as grandes plataformas, senón en aproveitar as novas ferramentas sen renunciar ao que nos fai diferentes», sinalou, en referencia á atención persoal, a confianza e a proximidade co cliente.
Nesta liña, a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, sinalou que a remuda xeracional “é unha vitoria porque consiste en transformar un problema nunha solución, en que un peche se converta nunha oportunidade para que, por exemplo, un mozo poida emprender”.
O reto da adaptarse aos novos hábitos de consumo
A presentación incluíu a proxección do vídeo da campaña e unha mesa redonda moderada por Lucía Rodríguez, na que participaron Rodríguez Gacio, Iglesias, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e os comerciantes Aída Salgado e Héctor Díaz.
O debate abordou a continuidade dos negocios familiares e os obstáculos que afrontan para adaptarse aos novos hábitos de consumo, á dixitalización e á incorporación das novas xeracións. Unha cuestión que vai máis alá da supervivencia de cada establecemento: tamén está en xogo a actividade económica e a vida cotiá das rúas e barrios nos que o pequeno comercio segue sendo unha referencia.
OuTrAs NoVaS
- Susana Rodríguez Gacio cambia a medalla polo comercio local
- Morre en Vigo Xosé Luís Méndez Ferrín, o escritor que mudou a literatura galega
- Cuatro heridos en un accidente entre un camión y tres coches en la N-640
- ACEESCA suspende la protesta tras una oferta de la Xunta para desbloquear su residencia
- ‘Eterno 10’ gaña o concurso para crear a escultura de Iago Aspas en Balaídos





