
Carlos Díaz | vigoalminuto
A vacina da gripe entra nas aulas galegas sen agullas e a través do nariz. A campaña escolar de inmunización infantil afronta a súa segunda edición con 75 centros educativos participantes en Galicia, 11 deles na área sanitaria de Vigo, onde está previsto chegar a 4.237 escolares. O obxectivo autonómico é alcanzar unha cobertura do 60 % entre a poboación infantil.
Un dos centros que xa participou nesta iniciativa é o Colexio Lar, en Mos, onde un total de 425 alumnos recibiron este venres a vacina intranasal. O procedemento evita a picada e facilita a administración entre os máis pequenos, un dos grupos prioritarios da campaña deste outono.
En total, a Xunta prevé administrar esta vacina a 26.536 escolares nos centros seleccionados. O programa pretende mellorar a protección fronte á gripe durante os meses de maior circulación do virus e reducir o risco de contaxios e complicacións, tamén no ámbito familiar.
Na área sanitaria viguesa participan seis centros da cidade: os CEIP García Barbón, Lope de Vega, Pintor Laxeiro e Seis do Nadal, o CPR Plurilingüe Apóstolo Santiago e a EEI Vila Laura. A relación complétase co CEIP Plurilingüe de Reibón, en Moaña; o CPR Plurilingüe Lar, en Mos; o CRA María Zambrano, no Rosal; o CRA Raíña Aragonta, en Salceda de Caselas, e o CEIP Plurilingüe Infante de Borbón, en Salvaterra de Miño.
Unha campaña que se prolongará ata finais de ano
A vacinación infantil forma parte da campaña galega fronte á gripe e á covid, que comezou o 28 de setembro nas residencias de maiores e nos centros sociosanitarios. Segundo o calendario previsto, o vindeiro luns, 19 de outubro, abrirase unha nova fase destinada ás persoas de 70 ou máis anos e aos profesionais sanitarios.
A partir do 2 de novembro será a quenda das embarazadas, mentres que o 9 de novembro a campaña estenderase ás persoas de 60 ou máis anos. A planificación prevé manter a inmunización ata o 31 de decembro.

Esta tempada chega, ademais, cunha novidade relevante para a poboación maior: a ampliación da vacina antigripal de alta dose a todas as persoas a partir dos 65 anos, co propósito de reforzar a resposta inmunitaria nun dos grupos con maior risco de sufrir complicacións.
A Xunta fixa como obxectivo vacinar fronte á gripe arredor de 926.000 persoas de 60 ou máis anos, mentres que a previsión para a inmunización fronte á covid se sitúa en aproximadamente 549.000 persoas de 70 ou máis anos.
OuTraS NoVaS
- Seis dotaciones de Bomberos tratan de sofocar el incendio de un garaje, en Vigo (Imágenes)
- Caballero anuncia por novena vez las rampas de Gran Vía y vuelve a situar las obras en 2027
- A vacina da gripe chega ás aulas: 4.237 escolares da área de Vigo recibirán a dose nasal sen picada
- Petardos y amenazas contra los acampados por la vivienda: cuatro ataques en pocos días
- Detenidos dos hombres por falsas amenazas de bomba contra dos aeropuertos





