
Carlos Díaz | vigoalminuto
O BNG de Vigo proporá elevar ata o 100% o recargo do Imposto sobre Bens Inmóbeis (IBI) para as vivendas que leven máis de tres anos baleiras e ata o 150% para os propietarios que teñan dous ou máis inmóbeis desocupados.
A formación nacionalista presentará esta medida para as ordenanzas fiscais municipais de 2027, xunto cunha bonificación do 95% para as vivendas que se incorporen a programas públicos de alugueiro ou se destinen a modalidades protexidas ou sociais.
Esta proposta busca incentivar a incorporación de pisos baleiros ao mercado residencial e ampliar a oferta de alugueiro a prezos accesíbeis. O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, xustifica a iniciativa polo contraste entre as máis de 22.000 vivendas baleiras na cidade que recolle o Censo de Vivendas do Instituto Nacional de Estatística (INE) e as preto de 12.000 persoas rexistradas como demandantes de vivenda protexida en Vigo, na súa maioría interesadas no alugueiro social.
«Temos un inmenso parque de vivenda baleira nunha cidade onde cada vez máis persoas traballadoras e mocidade non se poden permitir, literalmente, o luxo de ter unha vivenda», sostén Igrexas.
Case 2.000 pisos turísticos fronte a 270 para alugueiro residencial
O BNG tamén alerta do desequilibrio entre a oferta de vivenda turística e a destinada a residencia habitual. Segundo os datos que manexa a formación, Vigo conta con case 2.000 pisos turísticos, mentres que a oferta de alugueiro residencial permanente apenas alcanza os 270 inmóbeis.
A formación nacionalista advirte de que esta escaseza se produce nun mercado marcado polo incremento das rendas. Segundo os datos citados polo BNG, arredor da metade das vivendas dispoñíbeis para alugar na cidade xa superan os 1.000 euros mensuais.
Ante esta situación, a proposta fiscal pretende actuar tanto sobre as vivendas que permanecen desocupadas durante longos períodos como sobre as que se incorporen a fórmulas de alugueiro accesíbel. O obxectivo é penalizar fiscalmente a primeira situación e ofrecer incentivos á segunda.
O BNG reclama executar os acordos de 2024
A iniciativa chega despois de que o Pleno municipal aprobase en marzo de 2024, a partir dunha moción do BNG, acordos que incluían a elaboración dun Plan de Acción Local para mobilizar as vivendas baleiras. Igrexas reclama ao Goberno de Abel Caballero que execute aqueles compromisos e empregue as ferramentas fiscais municipais para ampliar a oferta residencial.
«Non ten sentido que haxa casas sen xente mentres hai tanta xente sen casa», afirma o portavoz nacionalista, que defende que o Concello debe favorecer que a vivenda cumpra a súa función residencial fronte á especulación.
O BNG sostén que as medidas propostas están previstas na lexislación e poden contribuír a aumentar a oferta de alugueiro asumíbel. A súa aplicación, porén, dependerá da incorporación das propostas ás ordenanzas fiscais e do cumprimento dos requisitos legais para considerar unha vivenda desocupada e aplicar os recargos correspondentes.
Críticas á resposta municipal ante a crise da vivenda
Igrexas tamén instou o Goberno local a pasar dos anuncios e dos xestos simbólicos á adopción de medidas concretas. En particular, referiuse ao minuto de silencio celebrado no Concello polo falecemento de Maricarmen, a muller de 87 anos que se converteu nun símbolo das reivindicacións polo acceso á vivenda.
«Os xestos e as accións simbólicas son necesarios, pero o verdadeiramente importante é tomar decisións urxentes», argumentou.
O portavoz municipal do BNG reclamou así ao executivo de Abel Caballero que active medidas para facilitar o acceso á vivenda e evitar que os prezos expulsen da cidade persoas que non poden asumir as rendas actuais.
OuTraS NoVaS
- O BNG propón duplicar o recargo do IBI ás vivendas baleiras de Vigo e elevalo ao 150% para grandes propietarios
- Grande Amore, teatro y música improvisada: seis planes culturales para este fin de semana en Vigo
- Convocada en Vigo una vigilia por Maricarmen y contra la especulación inmobiliaria
- El Cunqueiro tratará tumores y lesiones digestivas complejas con técnicas que pueden evitar operaciones
- La Guardia Civil detiene en Cangas a un hombre con más de 5,5 kilos de hachís y cocaína





