Galicia

28 persoas mortas e máis de 2.200 persoas feridas en accidentes de tráfico este verán en Galicia

O 061 rexistrou 1.745 sinistros entre finais de xuño e principios de setembro

María L. García | vigoalminuto

Un total de 2.233 persoas foron atendidas polo 061 por accidentes de tráfico durante o período estival en Galicia, segundo os datos correspondentes aos sinistros rexistrados entre as 15.00 horas do venres 26 de xuño e as 23.59 horas do domingo 6 de setembro.

Durante esas semanas, a Central de Coordinación do 061 recibiu 2.237 chamadas relacionadas con accidentes de tráfico, que deron lugar a 1.745 asistencias sanitarias nas estradas galegas.

Do total de persoas atendidas, o 60 % eran homes e o 40 % mulleres. Por franxas de idade, o grupo máis numeroso foi o de persoas entre 45 e 59 anos, que representaron o 26 % dos feridos.


Pontevedra e A Coruña concentran a maior parte dos sinistros

Por provincias, A Coruña contabilizou 666 accidentes, mentres que en Pontevedra rexistráronse 660. A considerable distancia sitúanse Ourense, con 215, e Lugo, con 204.

Os equipos sanitarios mobilizados atenderon os accidentes con diferentes medios en función da gravidade dos feridos. As ambulancias de soporte vital avanzado interviñeron en 246 sinistros, mentres que as de soporte vital básico participaron en 1.710. O helicóptero medicalizado foi mobilizado en 32 ocasións e os equipos de atención primaria completaron a asistencia en 167 accidentes.

A maior parte dos feridos, 1.865 persoas, foron trasladadas a centros sanitarios. Outras 340 foron atendidas no propio lugar do accidente, sen necesidade de traslado. Ademais, 28 persoas faleceron no punto no que se produciu o sinistro.


Que facer ante un accidente

Ante un accidente de tráfico, as recomendacións pasan en primeiro lugar por garantir a seguridade da zona. O vehículo debe quedar nun lugar seguro e afastado do sinistro, coas luces de emerxencia acesas, e é necesario utilizar roupa reflectante de alta visibilidade e sinalizar correctamente o lugar.

O seguinte paso é chamar canto antes ao 061 e facilitar a localización exacta do accidente, así como toda a información posible sobre o estado das persoas feridas. Os profesionais da Central de Coordinación poden indicar por teléfono como actuar mentres os recursos sanitarios se desprazan ata o lugar.

Salvo que exista un risco inmediato, como un incendio ou a posibilidade de novas colisións, non se deben mover os feridos, xa que un traslado innecesario pode agravar as lesións.

O servizo de emerxencias sanitarias funciona as 24 horas do día durante todo o ano.


OuTraS NoVaS


Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.