Cultura | María L. García
Salvaterra de Miño volverá ser esta fin de semana un punto de encontro para a poesía, a música e a cultura galega e portuguesa. O Festival da Poesía no Condado celebra este venres e sábado a súa XXXVIII edición cunha programación que combina recitais poéticos, concertos, regueifa, teatro, cinema, pensamento crítico e actividades de cultura popular.
O festival, organizado pola Sociedade Cultural e Desportiva do Condado, mantén a súa vocación galego-portuguesa e transfronteiriza, con propostas que conectan creación artística, memoria e reivindicación social.
A programación arrincará o venres 4 de setembro ás 18:00 horas, no escenario da Casa do Conde, co I Certame Nacional de Regueifa Xove, unha das novidades desta edición. O concurso, promovido por Regueifa Tour e a SCD do Condado, levará ao escenario a oito parellas de mozos e mozas que competirán en dúas fases de improvisación oral.
Participarán Estrela do Courel e Tegra de TraloCouto; Maré a Muda e Nântia; Miguel de Merza e Manuel Mella; Lúa Vogel e Loaira das Chousas; Manuela Quinteiro e Tiziana; Celtia de Coristanco e Iago López; Alonso dos Celtas e David Fernández; e Xoel Maneiro e Roi Souto.
Ás 20:10 horas entregaranse os premios do II Certame Literario Xuvenil Festival da Poesía no Condado, que recoñecerá os traballos de Breixo Suárez e Lucía Fernández, de Salceda de Caselas. Vinte minutos despois será a quenda de Laura LaMontagne na Casa do Conde.
Música, protesta e rap na primeira noite
A presentación oficial da XXXVIII edición terá lugar ás 21:30 horas, no escenario principal, conducida por Lara Soto e coa lectura do limiar escrito polo xornalista portugués Bruno Carvalho.
A música comezará ás 21:45 horas con A Banda da Loba, que presentará Lovismo, un espectáculo arredor do amor, a liberdade e a transformación.
Ás 23:30 horas, Loita Amada, o proxecto de Jásper, levará ao festival unha combinación de canción de protesta galega e novas sonoridades. A noite rematará ás 01:10 horas con Rebeliom do Inframundo, unha das referencias do rap galego, nun concerto que mestura hip-hop, electrónica, música tradicional e punk.
Un sábado con regueifa, deporte, teatro e cultura popular
O sábado 5 de setembro a programación comezará xa pola mañá coa tradicional descida de embarcacións polo río Miño desde Monção, ás 10:30 horas.
A partir das 11:00, Salvaterra repartirá as actividades por distintos espazos. No Torreiro instalarase o Mercado de artesanía e colectivos, acompañado pola animación de rúa de Ameaça de Bombo. En Oleiros sairá o tren turístico que percorrerá Salvaterra e Monção e no Campo do Casal disputaranse os primeiros encontros da Taça Gallaecia 2026 de fútbol gaélico.
A mañá incluirá tamén o Aberto de Bilharda, o III Aberto de Chave, un obradoiro de regueifa impartido por Nuria Penas e Xairo de Herbón e a proxección do documental Poesía no Condado, dirixido por Irene Pin.
Esta película repasa a historia do festival desde 1973 a través de entrevistas, imaxes e documentación de arquivo.
A poesía terá tamén o seu espazo coa participación de Antón Blanco Casás, Noelia Gómez e Fátima Dguez Silva, mentres que a brass band feminina Brassica Rapa poñerá música á sesión vermú.

Teatro e debate político pola tarde
A actividade continuará pola tarde coa final da Taça Gallaecia 2026 de fútbol gaélico, ás 16:15 horas, no Campo do Casal.
Unha hora despois, a Casa da Cultura acollerá O transgredir das ondas, de Paula Carballeira, a cargo de Berrobambán. A obra combina teatro documental e radiofónico para lembrar a xornalista Begonha Caamaño e abordar cuestións como a igualdade, a liberdade de expresión e a solidariedade internacionalista.
Ás 18:15 horas, o escenario da Casa do Conde recibirá Clo Plas, proxecto de Xiana Arias e Berio Molina baseado na oralidade da montaña de Lugo e na experimentación musical.
O pensamento político terá o seu propio espazo ás 18:45 horas, na Praza do Peixe, coa Mesa das Ideas, que nesta edición estará dedicada á «Solidariedade e loita contra o imperialismo». Participarán Óscar Valadares, de Mar de Lumes; Marta Romero, da Plataforma Galega pola Paz; e a eurodeputada do BNG Ana Miranda, nunha conversa moderada pola xornalista Charo Lopes.
A programación da tarde completarase cun novo recital poético, protagonizado por Masha Álvarez, Samuel L. París e Pablo Otero, e co espectáculo familiar A procura das Palabras Perdidas, de Inventi Teatro.
Ás 19:30 horas, Xisco Feijóo pechará esta parte da programación cunha proposta que mestura tradición e contemporaneidade na música e na danza galegas.

O recital central dará paso á música ata a madrugada
O momento central do festival chegará ás 21:00 horas no escenario principal, coa presentación de Lara Soto e o recital poético no que participarán Oriana Méndez, Iria Pinheiro Santos, Lorena Souto, Eugénio Outeiro Lojo e Igor Lugris.
A partir das 21:50 horas, Mondra presentará DE RONDA. Ás 23:35 será a quenda da banda portuguesa Kumpania Algazarra, mentres que ás 01:20 horas chegará desde Cabo Verde Fidju Kitxora, cunha proposta de afropunk.
O festival rematará ás 02:40 horas, co DJ set de El Gadzé.
A programación mantén así unha das principais características do Festival da Poesía no Condado: a combinación de poesía e música con actividades de participación popular e unha marcada dimensión social e política, nun espazo que pretende funcionar tamén como ponte cultural entre Galicia e o mundo lusófono.
Un festival con protocolo contra o machismo e a LGTBIfobia
A organización reivindica tamén o festival como un espazo seguro, diverso e libre de machismo e LGTBIfobia. Durante as dúas xornadas haberá un Punto Lilás para atención, información e acompañamento ante posibles situacións de violencia machista ou LGTBIfóbica.
O obxectivo, segundo a organización, é que os coidados, o respecto e a igualdade formen parte tamén da experiencia do festival.
A SCD do Condado destaca, por último, o carácter colectivo da iniciativa e agradece a colaboración das entidades participantes e dos pequenos patrocinadores, así como das máis de 300 persoas que contribuíron mediante micromecenado a través da plataforma Goteo.
OuTraS NoVaS
- Muere una persona tras ser rescatada inconsciente de una piscina en Pontevedra
- Más de 80 muertos en un cayuco que estuvo 27 días a la deriva rumbo a Canarias
- O Festival da Poesía no Condado volve a Salvaterra con dous días de música, poesía, regueifa e reivindicación
- Tres heridos tras salirse de la vía una furgoneta y chocar contra un árbol en Covelo
- Quedan inauguradas las ‘dobles inauguraciones’






