Comarcas

As rodaxes deixan 25 millóns de euros nas Rías Baixas e a Deputación reforza as axudas ao audiovisual

A provincia acolleu 62 producións en 2025 e unha trintena no primeiro semestre deste ano

Vigo | A. Buendía

As cámaras convertéronse nos últimos anos nunha fonte de actividade económica para a provincia de Pontevedra. As rodaxes non só ocupan espazos naturais, urbanos ou patrimoniais das Rías Baixas, senón que mobilizan gasto en aloxamentos, restauración, transporte, loxística e contratación de profesionais. Segundo os datos manexados pola Deputación de Pontevedra, as 62 producións audiovisuais que se realizaron na provincia en 2025 mobilizaron 25 millóns de euros, dos que arredor de nove millóns corresponderon a gasto directo no territorio.

A actividade mantivo o ritmo durante 2026. No primeiro semestre do ano contabilizáronse aproximadamente trinta rodaxes na provincia, mentres a Rías Baixas Film Commission, posta en marcha en novembro de 2024, incrementou o seu volume de xestión e asesoramento ás produtoras interesadas en filmar no territorio.

O audiovisual converteuse así nun sector que combina dúas dimensións: a actividade económica xerada durante as propias producións e a capacidade das películas, series e documentais para converter determinados lugares en destinos turísticos. É o chamado turismo cinematográfico, polo que espectadores que identifican unha paisaxe ou unha localización nunha pantalla poden acabar incorporándoa aos seus percorridos.

A Deputación asegura ter mobilizado durante o actual mandato preto de 1,4 millóns de euros en diferentes programas relacionados co audiovisual. O diñeiro destinouse a apoiar producións, festivais, investigación, actividades profesionais e iniciativas vinculadas á captación de rodaxes.


Máis cartos para producir na provincia

Unha das principais vías de financiamento é o programa Rías Baixas Acción, unha liña de patrocinios dirixida a producións audiovisuais que conta este ano cun orzamento de 170.000 euros, un 61% máis que na convocatoria de 2024.

A convocatoria divide os fondos en dúas categorías. Hai 100.000 euros para curtas, longametraxes e series e outros 70.000 para documentais de longa duración, curtas documentais e pódcasts documentais.

As achegas oscilan entre os 3.000 e os 25.000 euros, dependendo da modalidade, e en ningún caso poden superar a metade do orzamento total do proxecto.

Durante o mandato actual, segundo os datos da Deputación, esta liña permitiu mobilizar 275.000 euros para 19 proxectos audiovisuais.

Entre as longametraxes apoiadas figuran San Simón, As liñas descontinuas, Algo novo que contar, A morte nos teus ollos, Me has robado el corazón, O pesadelo das vacas e Os salmos. No ámbito da curtametraxe aparecen proxectos como Monstera, Así chegou a noite, Translatio, Avisa cando chegues e Señora azul.

Desde 2025, os documentais tamén poden acceder a esta liña. Ata agora recibiron apoio proxectos como Antes de antes, Tinta femia, Que é unha montaña?, A Pontevedra de Antonio Palacios, Mary Quinteiro, máis de 90 anos de creatividade, Baleas, naufraxios e outras historias do fin do mundo e Correntes do Atlántico.


Unha oficina para facilitar as rodaxes

A Rías Baixas Film Commission é a ferramenta creada pola Deputación para intentar reducir unha das principais dificultades ás que se enfronta unha produtora cando decide rodar nun territorio: localizar espazos, conseguir permisos e coordinar os diferentes trámites administrativos e loxísticos.

A oficina ofrece estes servizos de maneira gratuíta ás produtoras e actúa como interlocutora para facilitar os procesos necesarios. Desde novembro de 2024 e ata xuño de 2026 realizou preto de 500 xestións e atendeu 75 consultas, segundo os datos facilitados pola Deputación.

A taxa de éxito das consultas superou o 75%, unha porcentaxe que chegou ao 88% durante os primeiros seis meses de 2026. Unha parte importante do traballo céntrase na procura de localizacións. Só este ano enviáronse preto de 70 propostas a produtoras interesadas en atopar espazos para os seus proxectos.

O resultado máis visible desa actividade son as 43 localizacións de 20 concellos que xa están acollendo rodaxes vinculadas a produtoras e plataformas como Netflix, RTVE, Atresmedia ou a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia.

A distribución temporal das rodaxes tamén é relevante para o sector. Así, a actividade concentrada en abril e a comezos de xuño, segundo a Deputación, contribúe a evitar que o impacto económico quede limitado aos meses de maior afluencia turística.

A Film Commission tamén elaborou este ano a Guía de Rodaxe nas Rías Baixas, unha ferramenta que reúne información sobre recursos, procedementos, contactos e servizos para produtoras e profesionais. O catálogo de localizacións, pola súa banda, inclúe espazos naturais, patrimoniais, industriais e urbanos.

A oficina prepara ademais un manual de boas prácticas destinado a promover rodaxes con criterios ambientais e de sustentabilidade.


Cans, Play-Doc e novos Cinemas

O apoio público ao sector non se limita ás rodaxes. A Deputación leva mobilizados durante o actual mandato preto de 800.000 euros para festivais audiovisuais e proxectos de edición relacionados coa cultura galega.

Dentro desta partida encádrase o circuíto Rías Baixas Film Fest, que reúne este ano sete festivais: Cans, Play-Doc, FIC Bueu, Novos Cinemas, Curtas Festival do Imaxinario, Galician Freaky Film Festival e MAC Marín, que se incorpora como novidade.

Estes certames recibiron no seu conxunto 535.000 euros durante o mandato. A partida pasou dos 165.000 euros de 2024 aos 200.000 previstos para 2026.

A outra gran liña está relacionada coa edición. Máis de 40 proxectos con contido audiovisual recibiron financiamento por un importe superior aos 250.000 euros. Entre os traballos figuran investigacións e publicacións sobre o balneario de Mondariz, as gamelas de Cambados, a tradición do liño, Dona Urraca ou as tendas tradicionais de Pontevedra.


Un arquivo con 2.700 referencias

A actividade actual convive cunha tarefa menos visible: a conservación da memoria audiovisual da provincia.

O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación custodia arredor de 2.700 referencias audiovisuais, almacenadas en formatos analóxicos e dixitais. Os fondos distribúense en tres grandes coleccións: produción propia da Deputación, audiovisual galego relacionado coa provincia e patrimonio audiovisual de especial valor, incluídos soportes ameazados pola deterioración ou a obsolescencia.

Preto do 70% destes fondos xa están dixitalizados. A consulta e o visionado son de acceso libre previa solicitude nas instalacións do servizo, mentres unha parte do material pode consultarse en streaming. A Deputación traballa agora para ampliar os contidos dispoñibles en plataformas como Depo Play ou nun servizo de características similares.

As referencias do fondo poden localizarse a través do buscador ATOPO.


Formación e conexión entre profesionais

A estratexia provincial inclúe tamén iniciativas destinadas a ampliar o coñecemento do sector e facilitar o contacto entre profesionais.

A Deputación colabora coa Academia Galega do Audiovisual no Ciclo Mestre Mateo, que leva a municipios sen salas comerciais películas recoñecidas nos principais premios do audiovisual galego. Tamén participa, xunto coas outras deputacións galegas, nos Premios María Luz Morales de investigación sobre o audiovisual en lingua galega, centrados en ensaios e videoensaios.

Coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) desenvolve o programa O oficio de producir, con obradoiros escolares destinados a achegar ao alumnado o traballo que existe detrás dunha produción audiovisual.

E coa asociación CREA organizáronse xa dúas edicións de Conecta Lab, un laboratorio baseado en residencias e encontros profesionais para poñer en contacto creadores emerxentes e profesionais do sector.

O reto para a provincia é agora converter este crecemento en actividade estable. As cifras de rodaxes e o gasto asociado mostran o impacto económico que pode ter o audiovisual, pero a consolidación do sector depende tamén da capacidade para atraer producións, manter profesionais e empresas no territorio e aproveitar as localizacións como unha ferramenta máis de promoción turística.


OuTraS NoVaS


Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.