
Redacción | A. Buendía
Os veciños e representantes de distintos colectivos de Vilar de Infesta expresaron o seu «malestar e indignación» pola forma na que o Concello de Redondela está executando o proxecto de reforma da estrada de Porto Cabeiro, unha vía que consideran fundamental para a conexión da parroquia e que dá servizo diario ao colexio situado nesta contorna.
Os residentes destacan que, tras máis de oito anos de peticións, as obras finalmente comezaron, pero consideran que a actuación está lonxe de responder ás necesidades que levaron durante anos reclamando unha intervención integral. Na súa opinión, o Concello non aproveitou tampouco a disposición dalgúns propietarios a ceder terreos para modificar o trazado e mellorar a seguridade viaria.
Reclaman licitar xa o tramo do colexio
Unha das principais críticas céntrase na decisión de executar a reforma por fases. Segundo os colectivos veciñais, o tramo actualmente en obras non chega ata o colexio de Porto Cabeiro, polo que reclaman que se licite «con carácter urxente» a segunda fase, que contaría con financiamento con cargo ao remanente municipal.
Os veciños advirten, con todo, de que esa segunda actuación tampouco resolvería completamente os problemas existentes na contorna do centro educativo, xa que, segundo explican, só abranguería unha parte da zona.
Para o resto da estrada, aseguran non percibir «ningunha vontade política» para completar a reforma.
«Unha oportunidade perdida» para cambiar o trazado
A maior discrepancia co proxecto municipal está, segundo os colectivos, na solución adoptada no tramo actualmente en obras. As actuacións limítanse, segundo denuncian, a unha humanización da estrada sobre o trazado existente, sen aproveitar a posibilidade de modificar a súa configuración.
Os veciños aseguran que durante estes anos existiu disposición por parte de propietarios particulares para ceder gratuitamente os terreos necesarios para ampliar ou modificar a vía. Consideran que esa colaboración permitiría eliminar dúas curvas pechadas que cualifican de «moi perigosas», especialmente para os peóns, os vehículos e os autobuses escolares.
«Non se entende que se manteña un trazado deficiente cando existía a disposición dos propietarios a colaborar para melloralo», sinalan.
Os colectivos poñen ademais o foco na xestión das cesións. Segundo denuncian, a única cesión prevista no proxecto actual sería duns 30 centímetros e, a pesar de que as máquinas xa están traballando, os titulares aínda non terían formalizado a súa sinatura.
Nesta liña, os afectados consideran especialmente cuestionable esta situación tendo en conta que, entre as dúas fases previstas, a actuación supón un investimento público que sitúan en torno ao millón de euros.
Os veciños denuncian falta de información
Ás críticas sobre o deseño da obra súmase, segundo os representantes veciñais, a falta de información municipal. Aseguran que non recibiron comunicación oficial suficiente sobre o calendario dos traballos, o seu grao de execución ou os detalles técnicos da actuación.
Na última reunión mantida polos colectivos afectados, os asistentes concluíron que a súa disposición ao diálogo durante anos non se tería traducido nunha participación efectiva no proxecto.
Os veciños sosteñen que estaban dispostos a colaborar coa cesión de terreos para conseguir unha estrada «segura para os escolares» e adaptada ás necesidades actuais da parroquia, pero consideran que o Concello desaproveitou esa oportunidade.
Por iso, e ante o avanzado estado das obras, reclaman agora que o Goberno local revise as decisións adoptadas e introduza, dentro do que aínda resulte posible, as melloras que consideran necesarias.
Tamén esixen «explicacións públicas inmediatas» sobre o proxecto e solicitan a convocatoria urxente dunha reunión informativa cos afectados para coñecer os detalles técnicos, os prazos e o alcance das distintas fases da reforma.
OuTraS NoVaS
- Nos despedimos del verano por unos días: lluvia, nubes y temperaturas a la baja
- Veciños de Vilar denuncian que a reforma de Porto Cabeiro non elimina as curvas máis perigosas
- El Concello pagó 205 euros por alumno durante dos años: ¿debería recuperar ahora esta ayuda?
- No te falta motivación: esto es lo que le pasa a tu cerebro cuando vuelves al trabajo
- Muere atropellado un hombre en la A-55, en O Porriño





