
A Xunta de Galicia ofrece ao Concello de Vigo a cesión a título gratuíto da antiga estación de autobuses da Avenida de Madrid, un inmoble que permanece sen uso desde a posta en marcha da nova terminal intermodal e que se atopa nunha zona onde o PXOM de Vigo establece como usos posibles unicamente os de zona verde e viarios.
Hoxe, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, explicou que o Goberno galego remitiu unha carta ao Concello na que abre a porta a iniciar o expediente de cesión “nas condicións actuais”, incluíndo tanto a parcela como os seus accesos.
A Administración autonómica sinala que o Concello de Vigo solicitara a reversión do ben, pero tras analizar as circunstancias da adquisición dos terreos considera que esa fórmula xurídica “non resulta posible”. Por este motivo, a Xunta aposta pola cesión gratuíta como vía para que o Concello poida asumir a utilización do espazo.
Segundo Ana Ortiz, o seguinte paso debe ser unha petición formal do Concello ante a Consellería de Facenda e Administración Pública para iniciar o expediente administrativo e poder formalizar a resolución da cesión.
Caballero: “non nos regalan nada, é o noso dereito”
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, confirmou que o Concello aceptará a cesión, aínda que rexeitou presentar a decisión da Xunta como unha concesión ao Goberno municipal.
“Non nos regalan nada, non é unha cesión magnánima que a Xunta lle faga ao Concello de Vigo, é que é o noso dereito”, afirmou o rexedor, que lembrou que o Concello leva anos reclamando a recuperación do inmoble.
Caballero asegurou que o Concello xa reclamara “un senfín de ocasións” a reversión da antiga estación e que volveu facelo hai aproximadamente un mes, solicitando a transferencia gratuíta do edificio.
O alcalde indicou que o espazo atópase actualmente nunha situación de “forte marxinación” e reclamou que a Xunta manteña o inmoble en condicións dignas mentres siga sendo da súa titularidade.
“Queremos que nolo ceda de forma inmediata, porque é de Vigo, porque o solo foi cedido polo Concello de Vigo e porque unha vez que se fixo a nova estación de autobuses aquilo quedou nunhas condicións terribles”, afirmou.
Ademais, Caballero aproveitou para reclamar á Xunta unha actuación sobre a actual estación intermodal de Urzaiz, que, segundo dixo, se atopa tamén nunha situación “lamentable”.
OuTraS NoVaS
- Plomo y arsénico en el agua de Beade: la Xunta alerta y el Concello de Vigo lo niega
- Una avioneta vuelca al aterrizar en Caldas y deja dos heridos, uno grave
- París, Londres, Milán y Frankfurt, las rutas que la Diputación ve viables para Peinador
- Prisión para una joven de 20 años por apuñalar, presuntamente, a un hombre en Cangas
- Besteiro y Caballero hablan de vivienda en Navia, donde la Xunta construye un millar de pisos protegidos





