Destacados Vigo al minuto

O BNG acusa a Caballero de converter o Concello nunha «estafa piramidal» tras executar só o 27% do orzamento

Igrexas alerta de que o investimento municipal apenas alcanza o 10%

O BNG acusa a Caballero de converter o Concello nunha "estafa piramidal" tras executar só o 27% do orzamento
O BNG acusa a Caballero de converter o Concello nunha «estafa piramidal» tras executar só o 27% do orzamento

O BNG de Vigo acusou este xoves ao Goberno municipal de Abel Caballero de xestionar o Concello como unha «estafa piramidal», ao considerar que recada cada vez máis impostos e taxas, pero é incapaz de executar o orzamento aprobado. A formación nacionalista sostén que, segundo os datos oficiais de execución orzamentaria do primeiro semestre de 2026, o Concello só gastou o 27% dos 470 millóns de euros consignados este ano, unha vez incorporados os remanentes.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, afirmou que o informe económico evidencia que o Goberno local «promete sen límite», pero non transforma eses recursos en actuacións reais para a cidade.

«O Goberno municipal de Abel Caballero funciona como unha estafa piramidal: recada impostos e taxas máis ca nunca, promete sen límite, pero tendo máis recursos ca ningún goberno na historia da cidade é incapaz de executar o seu propio orzamento», asegura Igrexas.


O investimento queda no 10%

A formación nacionalista puxo o foco especialmente na execución dos investimentos municipais. Segundo os datos achegados polo BNG, dos 139 millóns de euros previstos neste capítulo, durante os seis primeiros meses do ano só se executaron algo máis de 14 millóns, o que representa arredor do 10%. Para Igrexas, estas cifras demostran «a falla de xestión» do Executivo local.

«Non estamos diante de aforro nin de eficiencia. O que hai é desleixo, desatención das necesidades da cidade e unha montaña crecente de promesas incumpridas».


O BNG alerta dun novo récord de inexecución

Os nacionalistas consideran que, se se mantén o ritmo actual de execución, o Concello podería superar este ano a cifra alcanzada en 2025, cando, segundo lembran, quedaron 150 millóns de euros sen gastar ao peche do exercicio.

Ao seu xuízo, eses recursos deberían destinarse a reforzar políticas de vivenda, mellorar o transporte urbano, actuar nos barrios e parroquias, incrementar os recursos para políticas sociais, apoiar a cultura e o deporte ou impulsar medidas específicas para a mocidade.

«Falamos de millóns de euros que pertencen á cidade e que, en lugar de transformarse en mellores servizos públicos e investimentos útiles para a veciñanza, permanecen acumulados nos bancos pola incapacidade do Goberno municipal para executalos».


«Detrás da cidade-parque temático está o Vigo real»

Na súa valoración, o portavoz nacionalista contrapuxo a imaxe que, ao seu entender, proxecta o Goberno local coa situación que vive a cidade.

«Detrás das paredes de cartón da cidade-parque temático de Caballero, decorada con inxentes cantidades de propaganda pagada con diñeiro público, está o Vigo real: unha cidade que non avanza, que non mellora os seus servizos públicos e que segue acumulando necesidades sen atender»

Igrexas reclamou un cambio de prioridades na acción do Executivo municipal para mobilizar os recursos dispoñibles e destinarlos á mellora da calidade de vida da cidadanía.


OuTrAS NoVaS


Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.