
O alumnado e a comunidade educativa do Conservatorio Superior de Música de Vigo (CSM Vigo) saíron este martes ás rúas da cidade para protestar contra a última modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) anunciada pola Xunta de Galicia, unha decisión que consideran un novo recorte que ameaza o funcionamento do centro.
Baixo o lema «Se non podemos estudar no conservatorio, farémolo aquí», máis de trinta músicos converteron o centro de Vigo nun escenario improvisado para visibilizar o seu rexeitamento á amortización de dúas prazas de persoal de administración e servizos (PAS).
A comunidade educativa advirte de que esta medida podería provocar unha importante redución do horario de apertura do conservatorio, pasando das actuais 14 horas diarias a só 7, o que dificultaría o acceso ás instalacións para centos de estudantes e comprometería tamén actividades culturais como o Festival Nas Ondas.
Protesta musical en varios puntos de Vigo
A mobilización desenvolveuse en dúas fases. Ás 11:00 horas celebráronse concentracións artísticas simultáneas diante do Museo MARCO, da tenda Zara, xunto á estatua do Sireno e na Praza da Princesa. Nestes espazos, alumnado e profesorado interpretaron distintas pezas musicais cos seus propios instrumentos como acto simbólico de protesta.
Posteriormente, ás 12:15 horas, os participantes reuníronse na Farola de Urzaiz para iniciar unha batucada que percorreu varias rúas da cidade ata chegar á Praza da Estrela, diante da Delegación Territorial da Xunta en Vigo.
Alí púxose fin á mobilización coa lectura dun manifesto no que denunciaron que os sucesivos recortes están levando o Conservatorio Superior de Música de Vigo «ao límite» e advertiron do deterioro progresivo do ensino público.

Denuncian unha decisión «inxustificada»
A comunidade educativa critica que a Xunta continúa aplicando criterios administrativos que, ao seu xuízo, non responden ás necesidades específicas das ensinanzas artísticas superiores.
Lembran que o Conservatorio Superior de Música de Vigo require unha estrutura administrativa propia debido á complexidade da súa actividade docente, investigadora e artística, polo que consideran inxustificada a eliminación de postos de persoal.
Ademais, sinalan que esta dotación de traballadores mantívose durante máis de dúas décadas e que non houbo cambios significativos na actividade do centro que xustifiquen a súa redución.
Segundo explican, esta decisión incrementa a precariedade do conservatorio e aumenta o risco de que calquera baixa ou incidencia entre o persoal afecte directamente ao horario de apertura e ao funcionamento ordinario das instalacións.
«As xoias non se amortizan»
Durante a lectura do manifesto, os participantes responderon tamén ás declaracións nas que a Xunta cualificou no pasado o Conservatorio Superior de Música de Vigo como «a xoia da cidade».
«A comunidade educativa considera que ese recoñecemento non se corresponde coas decisións adoptadas pola Administración autonómica», sinalaron.
A protesta rematou cunha das frases máis aplaudidas da xornada:
«As xoias non se amortizan. E ao sector público tampouco se lle afoga sen que o cidadán o note.»
OuTRaS NoVas
- “Hoxe en Galicia é máis fácil conseguir unha cita no Tinder que no Sergas”
- Detenida en Cangas por su presunta vinculación en una estafa bancaria de más de 47.000 euros
- Vente al único banco para el que querrás trabajar gratis
- Tres mil metros de cable robado y un incendio forestal: la pista que llevó a prisión a un sospechoso
- Compró unos tenis de marca por Instagram y le llegaron unos zapatos que habían hecho tres veces el Camino de Santiago, ida y vuelta





