
O Concello de Nigrán volve poñer en marcha este verán o autobús directo entre Porto do Molle e Praia América, unha liña especial que funcionará durante as fins de semana e festivos de xullo e agosto e que, como principal novidade, será completamente gratuíta para as persoas usuarias.
Este servizo, que se estreou o pasado ano, está financiado nesta ocasión integramente polo Concello cun investimento de 10.978 euros, polo que deixa de estar integrado no Servizo de Interese Municipal do Nigranbus e non será necesario aboar billete nin empregar a tarxeta metropolitana.
Desde a pasada fin de semana, a veciñanza pode desprazarse ata Praia América sen necesidade de utilizar o vehículo particular, unha medida coa que o goberno local pretende facilitar os desprazamentos durante os días de maior afluencia ás praias e contribuír a reducir os problemas de tráfico e estacionamento na zona costeira.
Prazas, horarios e rutas
A liña presta servizo cun autobús de 22 prazas, ademais dun espazo adaptado para persoas con mobilidade reducida. O horario abrangue as franxas de 11.00 a 13.00 horas, de 14.25 a 16.30 e de 17.00 a 20.30 horas, cunha frecuencia de paso cada 20 minutos.
O percorrido inicia a súa ruta na área de servizo para autocaravanas de Porto do Molle, na rúa Xián, moi preto do Centro Comercial Nasas. Desde alí realiza unha parada na Praza Rosalía de Castro, no centro de Nigrán, e remata en Gaifar, xunto á Oficina de Turismo e a poucos metros de Praia América.
O concelleiro de Mobilidade, Diego García Moreira, explica que a elección deste itinerario responde á necesidade de ofrecer unha alternativa cómoda tanto á veciñanza como ás persoas visitantes. «O punto de inicio é ideal porque hai moitas prazas de aparcamento para a veciñanza que vén máis do interior e facilita tamén a vida aos posibles caravanistas, que deste xeito non ocupan espazo de estacionamento na costa. Ao mesmo tempo, para no núcleo urbano ao ser unha zona moi poboada e, polo tanto, con alta demanda», sinala.
O resto da semana continúa operando con normalidade o servizo intramunicipal Nigranbus, creado polo Concello en 2022, que conecta Chandebrito con Priegue atravesando todas as parroquias do municipio e mantendo tamén a parada de Gaifar.
En 20 minutos na praia, sen usar o coche e sen ter que aparcar
O alcalde de Nigrán, Juan González, salienta que esta liña permite reducir o uso do vehículo privado e favorece unha mobilidade máis sostible. «É un aforro de tempo e combustible, resultando un modelo de mobilidade moito máis sostible e que desde o Concello estamos a promover», afirmou.
González incidiu tamén na rapidez do servizo, cun tempo estimado de percorrido de apenas vinte minutos. «Calquera usuario poderá achegarse á parada sabendo que, como máximo, nese tempo estará subindo ao autobús. Non cabe dúbida de que aforras moitísimo tempo e cartos con respecto á opción de achegarte co teu propio coche e, por descontado, diminúe a pegada de carbono», concluíu.
OUtRaS NoVaS
- Continúa la búsqueda de María Pereira en Redondela, con drones y nuevas batidas tras su desaparición en Vigo
- Zona Franca quiere construir 600 viviendas en Teis, 450 de ellas protegidas de alquiler
- Nigrán activa un autobús gratuíto entre Porto do Molle e Praia América, todas as fins de semana do verán
- Renfe recupera la circulación en A Coruña, pero cambia los horarios de varios trenes con Vigo
- El Concello mantiene sin autorización la pantalla del España-Bélgica, tras recibir la documentación complementaria de la Diputación





