O Concello de Baiona publicou este luns un bando no que establece novas restricións no uso da auga da rede municipal debido á diminución das reservas hídricas e á persistencia da falta de precipitacións. O obxectivo destas medidas é garantir o abastecemento domiciliario, considerado un servizo público esencial.
Segundo informou o goberno local, o encoro de Baíña, que abastece ao municipio, atópase actualmente ao 63,03% da súa capacidade, o que supón un descenso de 22,4 puntos porcentuais con respecto ás mesmas datas do ano pasado.
Prohibido encher piscinas, regar xardíns ou lavar coches coa traída
Entre as restricións aprobadas figura a prohibición de empregar a auga da traída para regar xardíns, hortas e zonas verdes, tanto públicas como privadas; encher piscinas, incluídas as desmontables; lavar vehículos particulares; baldear rúas, beirarrúas, garaxes ou terrazas; así como poñer en funcionamento fontes ornamentais, agás aquelas que dispoñan dun circuíto pechado. Tamén queda prohibido destinar a auga da rede municipal a calquera outro uso recreativo, ornamental ou non esencial.
O Concello tamén trasladou unha serie de recomendacións á veciñanza para fomentar un consumo responsable da auga. Entre elas figuran a reparación inmediata de posibles fugas nas instalacións particulares, o uso de electrodomésticos que empregan auga unicamente cando estean a plena carga e, en xeral, evitar calquera consumo innecesario de auga potable.
O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, agradeceu a colaboración da cidadanía e lembrou que «o uso responsable da auga é unha responsabilidade colectiva imprescindible para garantir o abastecemento suficiente a toda a poboación».
Almuiña confirmou que o Concello continuará realizando os traballos de limpeza viaria e rego utilizando auga que non proceda da rede municipal. Tamén anunciou que permanecerán fóra de servizo as duchas e os lavapés das praias mentres se manteñan estas medidas de aforro.
OUTRAS NOVAS
- Detenidos tres empresarios de Ponteareas, Vigo, y Mos el presunto desvío de 30 toneladas de cobre de Telefónica
- Samil suma otro derribo: el Concello prepara la demolición total de San Remo
- Hallado muerto junto al puente de Rande el vecino de Redondela desaparecido desde el lunes
- Alianza pola Vivienda cuestiona al alcalde por rechazar el mercado tensionado “¿por qué no quiere aplicar una medida positiva para los inquilinos?”
- Renfe refuerza los trenes a Galicia con más de 1.000 plazas adicionales durante el puente del 12 de octubre






