
O Concello do Porriño inaugurará este xoves ás 20.30 horas a nova praza Antonio I. Paz Valverde, un espazo situado na contorna da humanización de Pío XII e do parque Fontevella que servirá para perpetuar a memoria dun dos grandes nomes da música coral galega contemporánea.
A nova praza atópase xunto á vivenda do compositor porriñés, falecido en 2022, onde naceu boa parte das preto de 180 composicións e arranxos musicais que conforman o seu legado artístico.
Un acto cheo de música e memoria
A inauguración converterase tamén nunha homenaxe pública á figura de Antonio Ignacio Paz Valverde, impulsor da Coral Polifónica do CRC e do Orfeón Porriñés, e considerado polo Consello da Cultura Galega como unha figura destacada do patrimonio musical galego.
O alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, subliñou que o obxectivo é evitar que o legado do compositor “se esqueza na súa casa, no Porriño”.
Por iso, a música terá un papel protagonista durante o acto, no que se interpretarán obras do autor da man de artistas que mantiveron unha relación especial con el, como o pianista Alejo Amoedo e as sopranos Rita Baladrón e Dolores Crespo.
A celebración contará tamén coa participación da Banda de Música do Porriño e cunha pequena exposición dedicada á vida e obra do compositor.
Un legado que transcendeu Galicia
Antonio I. Paz Valverde foi unha das figuras clave na renovación da polifonía galega contemporánea, cunha extensa produción relixiosa e numerosas composicións baseadas en textos de grandes poetas galegos.
A súa obra acadou difusión internacional a través de gravacións moi populares entre a emigración galega en América e Europa, e continúa viva grazas ás interpretacións e versións realizadas por artistas de diferentes estilos musicais.
Outras novas
- Miles de personas toman Vigo para reclamar vivienda: «No es un piso chulo, es un puto zulo»
- Buscan a una mujer de 84 años desaparecida tras salir de una residencia de O Pereiro de Aguiar
- La música clásica sale a la calle: Bach, Mozart y Morricone al aire libre
- El alcalde anuncia por cuarta vez el parque infantil de la Plaza de Fernando Elorrieta
- ‘Cazado’ a 208 km/h en una carretera limitada a 70





