
O CITMAga, o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia impulsado polas tres universidades galegas, converterá Santiago nun escaparate do impacto real das matemáticas na industria. Así, o próximo 22 de maio reunirá investigadores e grandes empresas nacionais e internacionais para mostrar como os modelos matemáticos están a resolver problemas industriais complexos e a mellorar procesos produtivos clave.
O encontro, o “XV Foro de Interacción Matemática Industria (Industry Day)”, celebrarase na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela en colaboración coa Red Española Matemática-Industria (math-in) e co apoio da Agencia Estatal de Investigación.
Entre as compañías participantes destaca Ferroglobe, líder occidental na produción de aleacións baseadas en silicio e manganeso e único produtor de silicio en España desde a súa planta de Sabón, en Arteixo.
O silicio é unha materia prima estratéxica para sectores clave da economía tecnolóxica e enerxética. Emprégase na fabricación de chips, ánodos para baterías, paneis fotovoltaicos, siliconas e aleacións de aluminio, entre outros produtos industriais.

Galicia, no centro da innovación industrial do silicio
A multinacional conta con máis de 3.500 empregados en todo o mundo, presenza en Europa, América, África e Asia e máis de 50 fornos repartidos en 26 instalacións industriais e minas propias. En Galicia sitúa non só a súa fábrica de silicio de Sabón, senón tamén o seu Centro de Innovación global.
Desde hai anos, a empresa colabora cos departamentos de Matemáticas das universidades galegas e cos investigadores do CITMAga para desenvolver modelos capaces de reproducir o comportamento electromagnético, termodinámico, hidrodinámico e estrutural dos fornos industriais.
Estas simulacións permiten anticipar resultados, optimizar rendementos e reducir custos sen necesidade de realizar probas físicas complexas e moi custosas.
“As matemáticas son fundamentais para mellorar os nosos procesos”, explica Ramón Ordás. Segundo destaca, os modelos desenvolvidos polos investigadores galegos permitiron á compañía estimar con maior precisión os custos e o comportamento de fornos industriais de maior tamaño e eficiencia.
Matemáticas para facer máis eficientes os fornos industriais
Un dos proxectos destacados permitiu crear modelos matemáticos para un forno industrial de purificación de silicio. Grazas a esta ferramenta, a compañía evitou realizar ensaios industriais longos e economicamente moi elevados.
Os cálculos desenvolvidos polos matemáticos axudaron a determinar temperaturas óptimas, consumos enerxéticos e materiais necesarios para construír fornos máis grandes e eficientes.
O caso de Ferroglobe exemplifica unha das grandes apostas do CITMAga: converter a investigación matemática nunha ferramenta con impacto directo sobre a industria, a eficiencia enerxética e o desenvolvemento tecnolóxico.
Outras novas
- Stellantis Vigo bate récords de producción mientras la CUT denuncia el desgaste silencioso de la plantilla
- Povisa refuerza Urgencias con un fichaje clave para relanzar la Unidad de Cuidados y Observación
- As matemáticas galegas que melloran a fabricación de chips, baterías e paneis solares
- Los expertos llaman a la calma por el hantavirus tras la llegada del crucero: “No es comparable al COVID”
- 45 accidentes e 53 feridos nas estradas galegas nunha soa fin de semana





