
O pleno do Concello do Porriño aprobou este luns a concesión do Premio de Honra Antonio Palacios 2026 a Dora Carrera, fundadora da Asociación Érguete e referente histórico da loita contra a droga e o narcotráfico en Galicia.
A distinción será entregada a título póstumo na terceira edición destes galardóns, que recoñecen as contribucións máis destacadas nos ámbitos da cultura, empresa, deporte, compromiso social e traxectoria vital.
Ademais, a corporación municipal aprobou por unanimidade dedicar unha rúa á memoria de Dora Carrera, renomeando a vía na que residía, nun recoñecemento institucional ao seu legado social.
Unha vida de loita e compromiso
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que Dora Carrera representa “un legado exemplar de servizo á sociedade”, subliñando o seu papel na creación dun movemento pioneiro de apoio ás familias afectadas polas adiccións.
Desde os anos 80, a Fundación Érguete desenvolve un labor integral nas áreas de prevención, intervención e rehabilitación, inclusión sociolaboral e apoio familiar.
Segundo o comité de valoración, o seu traballo deixou “un legado de solidariedade, entrega e transformación social que continúa plenamente vixente”.
Gabri Veiga, premio ao Deporte
O Premio ao Deporte será para o futbolista porriñés Gabriel Veiga Novás, máis coñecido como Gabri Veiga, pola súa traxectoria no fútbol profesional e por converterse nun referente de talento, esforzo e superación para a mocidade.
O rexedor destacou que o xogador “é o mellor embaixador do Porriño” e un exemplo para os nenos e nenas do deporte base.
CEAMSA, premio á Empresa
Doutra banda, o Premio á Empresa recae este ano na Compañía Española de Algas Marinas (CEAMSA), fundada en 1966 e con sede no Porriño.
O comité salientou a súa aposta pola innovación e o desenvolvemento tecnolóxico, que a consolidaron como referente internacional no sector dos hidrocoloides naturais obtidos a partir de algas, con presenza global e distribución nos cinco continentes.
O Xogo da Ola, premio á Cultura
Ademáis, o Premio á Cultura será para o Xogo da Ola, unha das tradicións máis singulares e identitarias do Porriño.
O xurado valorou a súa capacidade para manter viva unha celebración que forma parte esencial da memoria colectiva local e que reforza os lazos comunitarios xeración tras xeración.
Recoñecemento ao tecido social
O Premio ao Compromiso Social será para a Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Rosais, polo seu longo labor a favor da participación cidadá, a convivencia e a dinamización comunitaria.
Segundo o Concello, a entidade representa valores de solidariedade, igualdade e compromiso co tecido social do municipio.
Entrega o 13 de xuño
Os III Premios Antonio Palacios entregaranse o vindeiro sábado 13 de xuño na Praza do Concello do Porriño.
Outras novas
- Robó a su vecina hospitalizada usando las llaves que ella le había dejado: detenido en Vigo
- La Guardia Civil interviene en Mos más de mil perfumes valorados en 131.000 euros
- O Porriño homenaxea a Dora Carrera cun premio de honra e unha rúa co seu nome
- Trasnos roza la medalla europea sub-12 de béisbol y el Concello refuerza al club con una ayuda de 18.000 euros
- Los 16 perros guía de la ONCE en la provincia reclaman paso libre en supermercados, tiendas y restaurantes





