O sindicato médico O’Mega denunciou que a Consellería de Sanidade estaría a “baleirar masivamente” as axendas de consultas antes da folga convocada a nivel estatal en defensa dun novo Estatuto Marco para médicos e facultativos.
Segundo o comunicado da organización, o Sergas estaría a cancelar citas médicas e probas diagnósticas previstas entre os días 27 e 30 deste mes, coincidindo co paro convocado para reclamar ao Ministerio de Sanidade un estatuto propio para o colectivo médico e, en Galicia, a apertura dunha mesa de negociación específica para os facultativos.
O sindicato asegura que numerosos profesionais se atopan agora con axendas completamente baleiras para eses días, mentres os pacientes reciben notificacións de modificación das súas citas sen que se lles indique explicitamente que o motivo é a folga.
Pacientes verán canceladas consultas e probas que poderían reaizarse con normalidade
O’Mega sostén que esta situación pode provocar que algúns médicos que non tiñan previsto secundar o paro se vexan igualmente sen actividade asistencial, ao tempo que numerosos usuarios da sanidade pública ven canceladas as súas consultas e probas que, segundo apuntan, poderían realizarse con normalidade.
A organización sindical cualifica esta práctica como unha posible forma de “peche patronal”, que considera prohibida pola lexislación española, e reclama á Xunta de Galicia que deteña esta actuación.
Segundo denuncian, esta estratexia podería distorsionar o seguimento real da folga -para perxudicar ao Gobeno central e culpar ao Ministerio de Sanidade da falta de atención- ao reducir o número de cancelacións durante os días do paro, ao terse producido previamente.
O sindicato xa presentou un escrito formal para esixir a revisión desta práctica, que considera un “boicot encuberto” tanto ao dereito á folga dos profesionais como ao dereito ao traballo daqueles que non a secundan.
Outras novas
- La Feria del Coche de Ocasión de Vigo registra ventas desde el primer día
- Luisa Sánchez celebra la candidatura de Vigo al Mundial 2030 y pide un plan para Balaídos
- PERREO 360 vuelve a la terraza de A Laxe para inaugurar el verano
- Caballero: «Vigo tiene las mismas opciones que Madrid o Barcelona para ser sede del Mundial»
- Cortada la AP-9 en Mos tras volcar un camión cisterna con 32.000 litros de gasóleo





