Destacados Vigo al minuto

Dimite o equipo directivo do IES Valadares

Logo da decisión da Consellería de Educación de deixar ao centro cun docente menos

Dimite o equipo directivo do IES Valadares

O equipo directivo do IES Valadares presentou hoxe a dimisión ante a Inspección Educativa e a Dirección Territorial de Educación de Pontevedra. Esta decisión débese a que, a pesar de todos os escritos e informes presentados ás diferentes autoridades educativas, o IES Valadares disporá o vindeiro curso dun docente menos, por ocupar ese posto a segunda orientadora, “absolutamente necesaria nas nosas circunstancias”.


Tamén en vigoalminuto


A realidade, apuntan os xa ex responsábeis do centro, é que as aulas son grupos de 30 alumnos/as con aproximadamente un terzo que require unha atención moi específica (síndrome de Down, TEA de diferentes graos, trastornos de conduta, discapacidade intelectual superior ao 33%, altas capacidades, discapacidade visual ou auditiva), “sen esquecer ao resto de alumnado que igualmente ten dereito a unha atención educativa digna e de calidade”.

Non é posible atender un aula así

Entenden que, e así trataron de transmitirllelo ás autoridades educativas, non é posible para un docente atender de maneira realista e efectiva un aula como a descrita. “A Consellería de Educación presume de ser un modelo de atención á diversidade, pero xuntar nunha aula a alumnado diverso non é suficiente; non podemos falar de inclusión sen medios humanos para levala adiante“.

Durante estes anos “sumámonos a múltiples programas ofertados pola Consellería de Educación coa intención de enriquecer a nosa oferta e mellorar a calidade educativa”. Con todo, ningún vén acompañado de recursos humanos, senón que se nutren do voluntarismo e vocación do profesorado” o cal, adverten, leva consigo unha importante carga de traballo extra: formación, programación, memorias, xestións ou coordinacións.

“Non podemos seguir asumindo unha responsabilidade para a que nos comprometemos pero para a que non se dan os medios necesarios

Nin horas de apoio, nin atención individualizada

“Sabemos que moitas familias escollen o noso instituto por recomendación doutros centros ou gabinetes, convencidas de que o seu fillo ou fila recibirá aquí unha atención adecuada. Pero a realidade acaba por impoñerse: non hai horas de apoio suficientes, non hai atención individualizada, non se poden aplicar todas as adaptacións, nin facer un seguimento como sería desexable”.

A pesar de todo, subliñan, o profesorado traballa sen descanso, formándose, implicándose e facendo un esforzo enorme, “que nin se ve nin se recoñece”. O resultado, conclúen: profesorado desbordado, familias frustradas, alumnado desatendido e un equipo directivo esgotado.

Comunicacións á Consellería, sen resposta

Ao longo deste curso o equipo de Dirección informou, en numerosas ocasións, das necesidades do centro, con entrevistas, escritos e informes detallados, solicitando máis recursos. “Informes que levan horas de traballo e non reciben resposta. Informes que só serven para encher arquivos e aumentar a burocracia, mentres a realidade do centro empeora e co resultado final hoxe coñecido: ningunha incorporación de profesorado para o vindeiro curso”.

“Non podemos seguir asumindo esta responsabilidade”

“Chegados a este punto, non podemos seguir asumindo unha responsabilidade para a que nos comprometemos pero para a que non se dan os medios necesarios. A nosa dimisión é unha decisión dura, pero tamén unha denuncia: non queremos ser cómplices dun sistema que precariza a educación pública mentres finxe que funciona ben”.

“Reiteramos o noso compromiso coa educación pública e co IES Valadares, ao que seguiremos vinculadas/os como docentes, colaborando en todo o que estea na nosa man”.

Te podría interesar