O Festival de Cans quenta motores cunha programación previa que mestura cinema internacional, música galega de raíz e memoria histórica. A primeira gran cita será a proxección da fermosa longametraxe Utama (2022), do director boliviano Alejandro Loayza Grisi, a súa obra debú coa que foi premiada en Sundance en 2022.
O director presentará esta obra a través de videoconferencia, e a partir do xoves 22 estará presente en Cans. A proxección terá lugar o sábado 17 de maio ás 18:00 h no Centro Cultural do Porriño, con entrada gratuíta ata completar o aforo.
Estreada no Festival de Sundance, Utama gañou o Gran Premio do Xurado na World Dramatic Competition e acumulou máis de 40 premios en máis de 80 festivais internacionais. Foi nomeada aos Goya 2023 como Mellor Película Iberoamericana e destacou nos Premios Platino, onde gañou Mellor Música e Mellor Fotografía. A historia transcorre no altiplano boliviano, onde unha parella de anciáns quechuas enfróntase a unha decisión vital durante unha seca extrema: resistir ou marchar.
Exposicións en Cans e memoria histórica
Outro dos momentos destacados da fin de semana será a inauguración da exposición “Reisiño, o prisioneiro debuxante”, comisariada polo historiador Alberto Alcalde, que terá lugar o sábado 17 de maio ás 20:00 h no Círculo Recreativo Cultural.
Esta mostra rende homenaxe a Alfredo Bautista Alconero, coñecido como “Reisiño”, veciño do Porriño, deportista, debuxante e preso político tras o golpe de Estado de 1936. “Reisiño” foi condenado a prisión na illa de San Simón, onde estivo encarcerado, e destacou pola creación de caricaturas dos seus compañeiros presos, testemuñas gráficas da represión e tamén da humanidade que sobreviviu no encerro.
Reisiño, ou Señor Rey como era coñecido no Porriño, deixou fonda pegada entre xeracións de deportistas. A exposición recupera parte dos debuxos orixinais que fixo na Illa de San Simón e lembra o seu percorrido vinculado á formación de deportistas ou á política.

A exposición, organizada no marco do compromiso do Festival de Cans coa memoria democrática, poderá visitarse durante todo o festival. O martes 20 de maio ás 17:00 h ofrecerase unha visita guiada especial con familiares e persoas que coñeceron persoalmente a Reisiño, e antes da proxeción do documental “Aillados”, coa presenza do director Antón Caeiro, no que Reisiño é un dos protagonistas centrais, e das primeiras imaxes de “San Simón”, o filme aínda inédito do cinesta Miguel Ángel Delgado.
Tras a inauguración da exposición, a artista Zeltia Irevire ofrecerá unha actuación musical do seu característico “folk trival”, patrocinada polo Círculo Recreativo Cultural como apoio a esta xornada previa do festival. A actuación, na terraza do CRC será aberta a todo o público.
Tamén este xoves inauguraranse nas rúas do Porriño as exposicións “Cans Debuxa” e o obradoiro “Pintando Cans”, con debuxos de cine realizados polos estudiantes de primaria de Porriño con motivo do festival.
Tamén en vigoalminuto
- Sin explicaciones sobre la ‘prórroga técnica’ de la concesión de Vitrasa
- El nuevo centro de Salud de Vigo, en la rúa Lalín, estará terminado este verano
- Muere atropellada por una furgoneta, en A Cañiza
- La Policía Local ayuda a rescatar a dos perros que estaban encerrados en un coche
- El Muelle de Rodas, en Cíes, puesto a punto para la temporada alta
- Detenidas tres personas e intervenidos 23 kilos de cocaína en vehículos ‘caleteados’
Entradas esgotadas para as actividades paralelas
A programación paralela rexistrou un gran éxito de público, con todas as entradas esgotadas desde hai semanas para actividades como a actuación de Mondra musicando en directo o filme Miss Ledya, o concerto da gaiteira Susana Seivane, e a actuación performativa de Lúa Mosquetera.
Quedan á venda as últimas entradas para as proxeccións nos jalpóns e para as diferentes categorías da Sección Oficial de curtametraxes, que se celebrará o sábado 24 de maio. A categoría Ficción e Animación está a piques de esgotarse. No caso da categoría Furacáns, aínda quedan entradas, unha opción ideal para quen queira combinar o visionado coa oferta de actividades paralelas, xa que se trata dunha categoría curta e áxil. A venda online pechará en 5 días.