Vigo al minuto

O ruido que soportan os veciños de Teis é o dobre do recomendado

Acusan ao Goberno de “ningunear a Vigo” ao non poñer pantallas acústicas na Autoestrada

Ecoloxistas en Acción alertan de que o ruído que soportan os veciños de Teis é o dobre do recomendado

Acusan ao Goberno de “ningunear a Vigo” ao non poñer pantallas acústicas na Autoestrada

Veciños de Teis levan anos demandando a instalación de barreras anti-ruído na contorna do tramo da AP-9 que atravesa a cidade, para reducir a contaminación acústica que soportan as viguesas e vigueses que residen preto da autoestrada. 

Máis de 90 decibelios

O ruído nesa zona é continuo e afecta gravemente á saúde pública, como confirma as medicións realizadas por Ecoloxistas en Acción. Segundo estas medicións o nivel de ruído supera os 90 decibelios con picos frecuentes por enriba dos 100 dB.

Máis de 5.000 vivendas afectadas

Trátase dunha grave situación da que ten constancia a Administración, xa que en 2012 elaborouse o Mapa Estratéxico do Ruído (MER) no que se recoñecía que máis de 5.000 domicilios de Teis estaban expostos a unha contaminación acústica moi por enriba de 50dB, o máximo recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS).

Grave impacto na saúde

O ruído ambiental, mesmo cando non é percibido subxetivamente como un problema, está a ocasionar efectos negativos na saúde das persoas. A OMS considera a contaminación acústica como un dos principais factores ambientais con maior impacto na saúde.

A Comisión Europea cifra en 10.000 as mortes prematuras ao ano por mor do ruído. As viguesas e vigueses semellan acostumados ao elevado ruído ambiente, pero non é necesario que cause danos directos no oído. Os principais trastornos non auditivos relacionados co ruído como estrés, ansiedade e depresión, insomnio, diminución do rendemento e a aprendizaxe, incremento do risco cardiovascular e da mortalidade por causas respiratorias e diabetes en certos grupos de idade (maiores de 65 anos).

Ninguneo

Ecoloxistas en Acción e os responsables da asociación veciñal de Teis denuncian que “o Ministerio de Transporte ningunea a Vigo”.

Así, apuntan, noutras cidades ou vilas máis pequenas os tramos urbanos das autoestradas están dotados de pantallas absorventes de ruído, mentres, en Vigo non hai nin un só metro instalado. Por iso, demandan ao Goberno municipal que non permita que Vigo sexa unha cidade de segunda. 

“Estamos ante un grave problema de saúde pública. A contaminación acústica causa trastornos moi graves que merman a calidade de vida da veciñanza. Non se entende o  continuo desleixo do goberno municipal ante esta situación”, sinala Xaquín Pastoriza, coordinador do grupo de Vigo de Ecoloxistas en Acción. 

Abel Caballero garantiu que as pantallas chegarían

Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou o 20 de novembro de 2021 o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto de construción de pantallas acústicas no treito entre O Morrazo e Chapela, o que excluiría a Teis.

Daquela, como informara vigoalminuto, o alcalde aseguraba que isto no sucedería, como lle confirmara o secretario xeral de Infrestruturas, Sergio Vázquez Torrón.

Abel Caballero comentara que o transmitíralle ao responsable de Infraestructuras que era necesario que as pantallas chegasen «ata o centro de Vigo» cubrindo a parte máis poblada achegada á autopista.

También te puede interesar