O concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, demanda que o Goberno municipal utilice todos os medios administrativos e legais para evitar que se efectivice o aterramento no pantalán 2 da dársena de Bouzas.
O Bloque reitera que «o tempo dos recheos na Ría de Vigo rematou» e chama a apostar por un desenvolvemento «sustentábel e racional» do Porto. Por iso, insta ao Goberno local a «utilizar todos os medios administrativos e legais para paralizar esa nova agresión ambiental contra a Ría».
Xabier P. Igrexas, demanda tamén que o executivo de Abel Caballero informe de cal foi a posición dos representantes municipais no Consello de Administración da Autoridade Portuaria a respeito deste proxecto.
O novo aterramento executaríase no pantalán número dous da dársena de Bouzas, nas inmediacións do Berbés e tería por obxecto ampliar a lonxa. O concelleiro do BNG criticou que ese recheo para alén do «evidente efecto ambiental» ,terá tamén efectos negativos a nivel paisaxístico e dificultará a integración urbana da faixa litoral no Berbés, «unha tarefa que sigue pendente». Aliás, Igrexas advertiu de que a ampliación da lonxa nesa localización suporá «acabar coas vistas privilexiadas que ten a cristaleira do hall do Auditorio Mar de Vigo».
Desde a fronte nacionalista denuncian a «irracionalidade» da Autoridade Portuaria presidida por López Veiga, que «teima na aberración de seguir gañando metros ao mar cementando a nosa Ría», malia non dispor nin dunha Delimitación de Usos e Espazos Portuarios nin dun Plan Especial. Lembran que a cidade xa ocupa arredor de 3 millóns de metros cadrados do seu litoral.
