Galicia

@QueremosGalego pide «liberdade, igualdade e xustiza» para o galego con manifestacións en vilas e cidades o 17 de maio

‘Queremos Galego’ presentou este martes o programa de actividades co que animan a sociedade a saír á rúa o vindeiro 17 de maio para esixir «liberdade, igualdade e xustiza» para o galego.

No mesmo acto deuse a coñecer o cartaz deseñado para a ocasión por Davila co lema «Máis que nunca, Queremos Galego» e explicaron que este ano se convocarán manifestacións simultáneas en vilas e cidades de toda Galicia, o 17 de maio ás 12:00h.

As mobilizacións servirán para recordar a importancia que os servizos municiais de normalización lingüística, as empresas concesionaras ou a formación do funcionariado seguen a ter para a defensa da lingua en todas as comarcas, en todos os concellos.

«Máis que nunca», reivindicou Marcos Maceira, voceiro de ‘Queremos Galego’, «chamamos a mobilizarse ao conxunto da sociedade galega, que cre na liberdade mais ve como non hai posibilidade de vida normal en galego; que cre na democracia mais ve como en Galiza se vulneran dereitos lingüísticos que, como nos lembraba recentemente o relator da ONU para os dereitos das minorías, Fernand de Varennes, son dereitos humanos; que cre na xustiza, aínda que hoxe en día esta non exista para o galego, con xuíces, fiscalas ou avogadas que non entenden galego nin o teñen que entender, cun 95% das sentenzas redixidas en castelán e con sentenzas como a do Tribunal Supremo contra a ordenanza de Lugo».

«Máis que nunca», afirmou, «é visíbel como os ataques ao galego proveñen de quen quere restrinxir dereitos de todo tipo na sociedade: os que queren prohibir o galego na administración son os mesmos que atacan as mulleres, a diversidade sexual ou a liberdade de expresión». «Máis que nunca defendemos o galego para defender a liberdade, a democracia e a xustiza en Galicia».

O galego en situación “crítica”

‘Queremos Galego’ asegura que isto débese á “falta de transmisión interxeracional; polas dificuldades para o coñecemento do galego, cun 22,7% dos menores de 15 que non saben falalo fronte ao 0% do español; polas dificuldades e límites de todo tipo, tamén legal, para empregalo con normalidade; pola inactividade dun goberno galego que non só non exerce o seu deber estatutario de defender a lingua, senón que actúa en contra, en ámbitos decisivos como a educación, a sanidade, a xustiza ou os medios de comunicación; pola nova ofensiva xudicial e política, como a recente sentenza do Tribunal Supremo sobre a ordenanza Lugo ou o rexurdir do discurso supremacista contra as linguas e contra a liberdade de uso».

 «Toda esta situación débenos levar a reaxir como sociedade», reclamou, «porque sen lingua non hai desenvolvemento social e económico, non hai liberdade posíbel, non hai igualdade, non hai xustiza. E sen liberdade, sen igualdade, sen xustiza non hai democracia». «Máis que nunca», concluiu, «temos que dicir colectivamente que a situación do galego non é irreversíbel, que se pode modificar garantindo os 3 principios: liberdade, igualdade e xustiza. Actuando para que que o galego estea en todo e para todo».

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.