Galicia

Galicia complementará as axudas estatais para que as familias en situación de risco non queden sen electricidade

O presidente do Goberno galego anunciou este venres, na rolda de prensa do Consello, que Galicia será a primeira comunidade en ofrecer axudas complementarias ao bono social do Estado.

O presidente Feijóo avanzou a posta en marcha dunha nova orde que refundirá as dúas axudas autonómicas –o tícket eléctrico e as axudas urxentes para evitar os cortes de luz– para adaptalas a nova normativa estatal aprobada o pasado ano.

Máis polo miúdo, o titular do Goberno galego explicou que esta iniciativa contará cun orzamento total de 1,2 millóns de euros, ampliable sempre que sexa necesario, e estará destinada aos consumidores vulnerables severos e en risco de exclusión social.

Os apoios na factura eléctrica correspondente á vivenda do solicitante terán unha contía máxima anual de 250 ou 400€ -no caso de familias numerosas-. Estas axudas, unidas ao acordo alcanzado entre o Estado e as comercializadoras, permitirá que as familias máis vulnerables teñan garantindo, deste xeito, o acceso continuado á subministración eléctrica, dando resposta a unha necesidade básica dos cidadáns, pois non se lles poderá cortar o servizo mentres sexan beneficiarios desta axuda.

Para facilitar o acceso ás axudas, as persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes, tanto de xeito presencial, nas catro xefaturas territoriais, en Santiago e en Vigo, e no rexistro do concello onde viva o solicitante; como de modo telemático, a través de internet.

Para axilizar ao máximo a posta a disposición destas axudas, o prazo máximo que pode transcorrer entre a presentación da solicitude e a súa resolución será dun mes. Unha vez que se comprobe que se cumpren os requisitos, a Xunta aboará o importe da axuda ás comercializadoras de electricidade, coas que se irán asinando protocolos de colaboración.

Así mesmo, o pago realizarase de xeito mensual. As axudas poderanse solicitar desde o día seguinte á súa publicación no DOG -prevista para xullo- ata o vindeiro 15 de decembro.

También te puede interesar