Galicia

Unha nova senda para peóns e ciclistas unirá Praia América e Baiona pola estrada PO-325

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, mantivo este luns un encontro cos alcaldes de Nigrán, Juan González, e de Gondomar, Francisco Ferreira, aos que lle avanzou que hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a licitación das obras da nova senda na estrada PO-325, que comezarán a finais deste verán e terán un investimento duns 390.000€

O obxectivo desta actuación é darlle continuidade ao carril bici e á senda peonil existente, que finaliza actualmente ao termo da travesía de Praia América. Para iso, construirase unha senda duns 300 metros, que fará chegar a senda actual ata o comezo do paseo existente ata Baiona.

A senda, que será de uso mixto, para peóns e ciclistas, terá un ancho de 2,5 metros e estará separada da estrada por unha banda vexetal e a beiravía, para o que se ampliará a calzada pola marxe dereita ata o límite do dominio público, sen ser necesarias expropiacións. Tamén se mellorará o firme e renovarase a beirarrúa da marxe esquerda.

Ademais, aproveitaranse estes traballos para realizar outras actuacións complementarias na rede de drenaxe para as augas pluviais; substituír o alumeado, no lado esquerdo; e  realizar a canalización para a instalación de futuros servizos.

Por outra parte, na reunión de hoxe, a conselleira tamén informou aos rexedores das melloras introducidas no proxecto de construción da nova senda que se executará entre Gondomar e A Ramallosa, na estrada PO-340.

A conselleira subliñou que se trata dun proxecto ambicioso que inclúe 3,5 km de senda peonil e ciclista na que se investirán arredor de 1,5 millóns de euros. Precisou que esta actuación xa se someteu a información pública e prevese iniciar a contratación das obras antes do verán.

O itinerario terá un ancho aproximado de 2 metros e estará separado da calzada por unha zona axardinada, ademais de bordos de formigón onde sexa posible. Elevarase uns centímetros respecto á cota da estrada e executarase en formigón coloreado, co obxectivo de incidir na súa diferenciación visual.

Para garantir a funcionalidade da nova senda, acometeranse melloras en tres interseccións: coa rúa Vilariño, próxima ao IES Escolas Proval, construirase un cambio de sentido con carril central para facilitar os xiros; no cruzamento coa estrada a Golada, próximo ao centro de saúde Val Miñor, converterase en semicircular a isleta existente para permitir os cambios de sentido; e no cruce coa estrada a Donas executarase unha glorieta, tal como formularon os concellos, para facilitar os xiros á esquerda.

A conselleira fixo fincapé nestes dous proxectos que pretenden facilitar os percorridos, a pé e en bici, dos veciños e dos turistas que se achegan a Nigrán e a Gondomar; ao tempo que se promove unha mobilidade sostible e se incide no reforzo da seguridade viaria.

Estas actuacións están enmarcadas no Plan de Sendas na comarca de Vigo, no que a Xunta contempla un investimento de 4,3 millóns de euros para a construción de case 13 quilómetros de itinerarios seguros e sustentables.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.