'Qué te cuentas?'

A cáscara de castaña, útil para eliminar contaminantes en augas como metais pesados ou praguicidas

 

tese-castana

As técnicas de adsorción e de biorremedicación son dúas alternativas para a eliminación de contaminantes de diversa natureza en contornas acuáticas. O principal problema que presentan estes procesos é o elevado custe dos materiais adsorventes, motivo que inspirou a tese de doutoramento de Marta Cobas, realizada no Grupo de Bioenxeñaría e Procesos Sostibles. O seu estudo centrouse en desenvolver procesos baseados en técnicas de adsorción e biorremediación, procesos caracterizados «pola súa elevada efectividade e aplicabilidade, encadrándose dentro dunha estratexia europea de desenvolvemento sostible».

A tese da investigadora abrangue tanto unha técnica fisico-química, a adsorción, como unha técnica microbiolóxica, a degradación a través de fungos. Cobas estudou ambos procesos, primeiro por separado e posteriormente, facendo unha integración secuencial de ámbolos dous sistemas para tratar efluentes complexos, e esta última é a parte máis innovadora do estudo.

Nas técnicas de adsorción, a castaña ten un gran potencial

No caso das técnicas de adsorción, a investigadora apostou por analizar as potencialidades de materia de baixo custe como residuos naturais ou industriais. Así, analizou a capacidade de adsorción de arxilas, biomasa e algas. Por unha banda traballou cun tipo concreto de arxila, a sepiolita, que é un material de baixo custe. No tocante aos residuos naturais optou pola biomasa da macro alga parda Fucus vesiculosus, “que é unha das algas que máis se atopa nas costas galegas, sendo un material que se acumula e que ten que ser eliminado, sen ter a día de hoxe ningún tipo de valor económico”. Por último, traballou tamén cun residuo agroindustrial, a cáscara de castaña, obtida da empresa Cuevas SL, que xera no seu proceso de fabricación de Marrón Glacé grandes cantidades de cáscara de castaña como residuo.

Para probar a efectividade dos diferentes procesos de adsorción Marta Cobas seleccionou varios contaminantes para realizar as probas, entre eles o cromo, contaminantes orgánicos como tinturas ou hidrocarburos policíclicos aromáticos (HAPs), e de carácter emerxente como os praguicidas. Explica que todos “están catalogados como contaminantes de augas e presentan certa toxicidade para os diferentes organismos acuáticos e, en moitas ocasións para tamén para os seres humanos”, aos que poden chegar a través das propias augas contaminadas ou da cadea alimentaria.

No seu estudo a investigadora analizou a capacidade de adsorción de cada un dos materiais e, en cada proceso de adsorción, caracterizouse o adsorbente, intentando incrementar o seu poder de adsorción cun pretratamento, tamén de baixo custe. A científica tamén realizou estudos do proceso de adsorción e un escalado do proceso, “tanto de forma real como simulada”, explica. Posteriormente, destaca Cobas, abríronse novas vías de estudo, nas que a rexeneración e/o valorización dos adsorbentes se complementa mediante tratamentos biolóxicos”. Tras a análise de capacidade de adsorción da arxila, a alga e a cáscara de castaña, esta última resultou ser a que tiña as mellores propiedades e aplicouna a un sistema físico-químico para a eliminación de metais pesados e praguicidas.

As técnicas biolóxicas, con fungos

Unha segunda parte do estudo consistiu na aplicación ao sistema físico-químico de eliminación de contaminantes con cáscara de castaña dun sistema biolóxico empregando fungos. Cobas explica que os fungos poden empregar os contaminantes orgánicos como fonte de carbono, podendo chegar á completa eliminación dos mesmos do medio ambiente. Para iso a investigadora elixiu dous tipos de fungos (Trichoderma longibrachiatum e Phlebia radiata) que se caracterizan pola súa capacidade para degradar unha gran variedade de contaminantes, como HPAs, praguicidas, etc. Esta técnica microbiolóxica emprega os fungos para eliminar algúns contaminantes que a castaña non é quen de retirar e ademais volve empregar de novo a cáscara de castaña para inducir a produción de enzimas do fungo que están implicadas no proceso de eliminación de contaminantes. Tras os esperanzadores resultados obtidos a escala matraz, engade Cobas, “procedeuse ao seu escalado en biorreactor, obtendo resultados prometedores”.

Finalmente, a investigación de Marta Cobas conclúe co deseño e simulación mediante software dun sistema integrado secuencial para a eliminación de efluentes de contaminación mixta, que consta dun primeiro proceso de adsorción seguido dun proceso de biorremediación. A integración de ambas tecnoloxías, como puntualiza a doutora, “é unha solución respectuosa co medio ambiente, eficaz e sostible, para o tratamento de efluentes con contaminación tanto biodegradable como non biodegradable”.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.