Cultura

A radio nacional de Austria fai un programa sobre o traballo que desenrola a Estación de Areeiro coa camelia

austriaareeiro1O traballo de investigación coa camelia realizado na Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) sigue traspasando fronteiras. Se a participación en congresos e relatorios noutros países son xa habituais, no día de hoxe a Radio Nacional de Austria (ORF) trasladouse ata as instalacións provinciais de Areeiro para gravar un programa sobre os seus estudos de investigación sobre a flor.

O director da cadea, Edgar Schütz, foi recibido pola deputada delegada da estación, Eva Vilaverde, e xunto coa doutora en Bioloxía Pilar Vela, coñeceu as liñas de traballo que se están a desenvolver tanto sobre diagnose molecular como de obtención de aceite e té. Así mesmo, tamén recibiu información sobre os xardíns de camelia das Rías Baixas, e visitou os Lourizán e o Castelo de Soutomaior –propiedade da Deputación-, entre outros.

Schütz explicou que a intención é realizar un programa de 50 minutos (‘Ambientes’) sobre Galicia, no que se recollerán aspectos sobre a nosa lingua, a cultura e as características naturais do país. Para iso percorrerá diferentes lugares xunto a unha compañeira durante dez días. “Galicia resulta sorprendente porque estamos comprobando que é moi diferente doutras zonas de España. Non ten nada que ver con Cataluña ou con Castela, onde as cores predominantes son os tostados, os marróns… Xa chegando no avión viamos que todo era verde, moi parecido a Austria”, sinalou.

austriaareeiro3O xornalista austríaco manifestou moito interese polo traballo de Areeiro e quedou sorprendido de que se trate dun centro de investigación de carácter provincial, pero que presta servizo a toda Galicia e incluso parte do Estado. Eva Vilaverde e Pilar Vela explicaron que a EFA leva traballando dende 1985 na investigación de plantas e as súas enfermidades e indicaron os seus diferentes departamentos (Fitopatoloxía, Bioloxía Molecular, Fruticultura e Ornamentais, Edafoloxía e Artrópodos).

En canto á camelia, explicóuselle que chegou a Galicia no século XVIII aproximadamente e que a día de hoxe xa é considerado un cultivo autóctono que se da perfectamente dadas as condicións climatolóxicas e de humidade e acidez do solo. “A Deputación conta con un rexistro de 50 especies de camelia e 1.200 cultivares que poden ser identificados molecularmente, entre eles algúns singulares e centenarios”, indicóuselle, “pero todos os xardíns de Galicia teñen unha camelia, xa sexan privados ou públicos, e incluso hai coleccionistas que teñen máis de 1.000. É unha planta moi popular que se coida de xeito moi diferente a Centroeuropa, onde se considera estacional e unha vez perde a flor cámbiase por outra”, explicou Vela.

A bióloga sinalou tamén na radio o traballo de Areeiro para obter de aceite de camelia con uso cosmético mediante o prensado das sementes, así como o traballo que se está a realizar co té, do que na EFA hai unha pequena plantación. Finalmente, Vela explicou a ruta das camelias nas Rías Baixas e indicou que a día de hoxe hai unha ducia de xardíns recoñecidos como de interese e que a previsión é incluír dous máis o vindeiro ano. “Estudamos os xardíns, vimos as especies singulares e descubrimos que as camelias eran os eixos centrais . Nós non temos un gran xardín botánico en Galicia, pero entendemos que a camelia ten un valor vexetal que se pode utilizar como reclamo turístico moi interesante, por iso se fixo un traballo facendo planos con todos eses xardíns, que realmente teñen moito atractivo”, dixo.

austriaareeiro2Logo de coñecer os laboratorios de traballo de Areeiro, Schütz visitou os xardíns do Pazo de Lourizán e desplazouse aos xardíns de Soutomaior acompañado de Pilar Vela. Estaba previsto que na tarde de hoxe acudise tamén ao Pazo de Gandarón, a Rubiáns e ao Pazo da Saleta.

Fóra do ámbito da camelia, o director da ORF tamén tiña previsto coñecer en persoa o Museo de Pontevedra, tamén dependente da Deputación provincial. Así mesmo, durante a súa viaxe coñecerá a Casa Museo de Rosalía, as Illas Cíes e outros localidades de Santiago, Vigo e A Coruña.

También te puede interesar