O voceiro de Sanidade do Partido Popular no Parlamento de Galicia asegurou este luns que, «malia a crise», Galicia «aguantou un sistema de cobertura universal e de calidade» sen ter que implantar «copagamentos asistenciais», a pesar de «tódalas ameazas que estaban enriba da mesa».
Miguel Santalices, subliñou que a crise, que «azoutou fortemente», tampouco impediu que Galicia «desenvolvese e apostase pola mellora das súas infraestruturas sanitarias e o reforzo dos seus equipos».
En relación coas listas de espera, Santalices recordou que, segundo os últimos datos, os enfermos de prioridade 1 esperan «menos de 19 días» e, para unha consulta, os pacientes esperan «menos de 39».
Por iso, o deputado popular cualificou a xestión dos recursos como «eficiente» debido ao «grande esforzo dos profesionais, xa que foron eles os que levaron a cabo esta importante xestión».
O deputado popular mencionou “algúns datos interesantes» recollidos no último informe do Barómetro Sanitario. Nesta materia, subliñou que o 77% dos galegos puntúa como «ben ou moi ben» o funcionamento do sistema sanitario, «por detrás de Navarra e Asturias».
