Cultura Vigo al minuto

Presentan a Axenda 2010 con fotos de Pacheco e anuncian a adquisición do arquivo Ksado

Agora só falta o arquivo Suárez Llanos
Agora só falta o arquivo Suárez Llanos

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou hoxe a axenda do ano 2010 elaborada con fotografías do Arquivo Pacheco. O nacionalista  anunciou que  o propósito é adquirir o Arquivo Ksado.

O nacionalista dixo que a fotografía é parte da historia e por iso cobra importancia conservar os arquivos fotográficos que recollen o pasado da nosa cidade. Xesus López indicou que con ese obxectivo hai dous anos se iniciou unha serie de iniciativas para que o Arquivo Pacheco fora patrimonio de toda a cidade. Así, abriuse o arquivo ao público, púxose en marcha o proxecto «Indagacións» para documentar os fondos, editouse o libro «Marcas de luz», montouse a exposición «Mulleres», iniciouse o proxecto «O espello da memoria» e fíxose no 2009 a primeira axenda con fondos do arquivo.

Nesa primeira axenda recollíanse imaxes de mulleres e a do 2010 ten como temática o periodo que sigue ao movemento militar do ano 1936 e que se prolongou durante catro décadas. «Foron uns anos que nos sumiron nuns terribeis anos de intransixencia, de medo, de violencia e de morte, nunha longa noite de pedra», explicou Xesus López. Este ano editáronse 3.000 exemplares da axenda, que poderá aquisirse na Casa das Artes, o Museo Quiñones de León, o Marco e o Verbum a un prezo de 14 euros.

O concelleiro sinalou que esta axenda é un xeito de achegar á cidadanía a visión histórica da cidade a través do prisma de Pacheco. Xesus López asegurou que desde a Concellería de Cultura continuarán traballando pola memoria fotográfica da cidade e anunciou que recentemente se chegou a un acordo cos herdeiros de Ksado para a adquisición deste «importante arquivo».

O nacionalista adiantou que a adquisición farase efectiva a principios de ano. O Concello mercará por 30.000 euros un total de 1.000 placas , copias e outros obxectos do fotógrafo. Xesus López explicou que Ksado foi un fotógrafo represaliado e como consecuencia unha parte dos seus fondos desapareceron, por iso cobra máis valor aínda que os que se conservan se poñan ao dispor do público.

O responsable de Cultura explicou que este arquivo sumarase ao Pacheco e as outras coleccións fotográficas que son propiedade do Concello. Todas elas pasarán a formar parte, a partir do ano 2011, do Centro Galego de Fotografía que se ubicará nun edificio da rúa Chao.

A preguntas dos xornalistas, sobre a posible negociación que o grupo municipal do PP estea mantendo coa Consellería de Cultura para traer a Vigo o Arquivo Llanos, o concelleiro lembrou que no mesmo ano no que chegou á Concellería de Cultura iniciou conversas coa familia Llanos para que esa colección estivera en Vigo, pero non houbo resposta. Aínda que dixo non ter coñecemento oficial do que está a facer o Partido Popular, apuntou que «estou encantado de que o PP por fin traballe en positivo por esta cidade e se sume ao esforzo que estamos a facer para que o arquivo Llanos estea en Vigo, que é onde ten que estar».

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.