
A. Buendía | vigoalminuto
As familias da Escola de Educación Infantil (EEI) Vila Laura volverán saír á rúa este venres para reclamar á Xunta que cubra a praza docente que falta no centro. Desta vez, farano cunha escenificación irónica: someterán a Consellería de Educación a un exame de matemáticas cunha operación que consideran difícil de entender só nos despachos da Administración: 13 menos 12 é igual a unha mestra que falta.
A mobilización celebrarase ás 08.40 horas na entrada da escola, na porta de Moreira, en Vigo. As familias preparan un exame xigante, un boletín de notas e unha representación na que elas asumirán o papel de profesoras e a Consellería será a alumna examinada. A resposta que atribúen á Administración é cero; a que defenderán diante das cámaras, cun suspenso simbólico, é unha.
A protesta pretende poñer o foco nunha reivindicación que a comunidade educativa mantén desde o comezo do curso. Segundo explican as familias, o catálogo de postos docentes recolle trece prazas ordinarias e de apoio, pero o centro conta actualmente con doce profesionais nesa dotación.
Unha praza pendente desde o inicio do curso
A EEI Vila Laura ten dez aulas de Educación Infantil, dez titoras e dous docentes de apoio ordinario. Para as familias, a diferenza entre os trece postos previstos e os doce efectivos dispoñibles evidencia a necesidade de incorporar unha mestra máis. A pesar das reclamacións presentadas durante as últimas semanas, aseguran que a praza continúa sen cubrir.
A falta de persoal preocupa especialmente nun centro que atende nenos e nenas de tres a cinco anos. As familias advirten de que a situación obriga o profesorado a afrontar dificultades organizativas e temen que os especialistas de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe teñan que deixar de atender o alumnado que precisa o seu apoio para cubrir outras necesidades do centro.
«Non queremos ensinar matemáticas á Xunta. Queremos que as nosas crianzas teñan mestras», resumen os promotores da protesta, que recorreron ao humor e á ironía para facer visible unha reclamación que consideran básica.
«Estamos cansadas de ter que reclamar algo tan básico»
A comunidade educativa insiste en que a mobilización non responde ao desexo de protestar, senón á falta dunha solución. As familias aseguran que xa se dirixiron á Administración por distintas vías e que decidiron volver concentrarse ante a ausencia de resposta efectiva.
«Estamos cansadas de ter que reclamar algo tan básico. Pero estamos moito máis preocupadas polas consecuencias de deixar de facelo», sinalan no comunicado. O colectivo reclama que a escola dispoña dos recursos necesarios para que o profesorado poida desenvolver o seu traballo en condicións adecuadas e o alumnado reciba a atención que precisa.
OuTraS NoVaS
- El Concello de Vigo paraliza el concurso de la estatua de Iago Aspas, tras un recurso por la exclusión de un participante
- La flota de altura pierde 228 barcos en 15 años y ARVI acusa a Bruselas de no reaccionar
- As familias de Vila Laura examinan á Xunta de matemáticas: «Se precisamos 13docentes e temos 12, cantas faltan?»
- Bembrive se rebela contra una línea de alta tensión, con torres de 55 metros
- La foto de los 5 millones de euros





