
A. Buendía | vigoalminuto
«Hoxe en día en Galicia, para ter unha cita, os galegos e as galegas téñeno máis fácil no Tinder que no Sergas». O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, abriu con esta comparación a súa crítica ao Plan de reforma da atención primaria e comunitaria 2026-2030, presentado este martes polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, no Parlamento galego. O deputado cuestionou tanto o financiamento como as previsións de contratación e advertiu de que as medidas anunciadas non garanten unha solución ás demoras que sofren os pacientes.
Torrado sostivo que a Atención Primaria galega acumula esperas como nunca antes -en Vigo ata 22 días -e reprochou ao conselleiro que a súa intervención non ofrecese propostas suficientes para resolvelas. A súa principal obxección foi económica: os 320 millóns de euros comprometidos para os próximos catro anos parécenlle insuficientes fronte aos recursos que xa manexa o sistema.
Segundo as contas expostas polo deputado, a Atención Primaria disporá duns 1.750 millóns de euros no orzamento deste ano. Se se mantén unha contía semellante durante o período do plan, o gasto acumulado roldaría os 7.000 millóns. Os 320 millóns adicionais anunciados pola Xunta representarían, así, menos do 5% desa cantidade. «Case sen facer nada, igual acabamos investindo máis», ironizou.
Máis de 1.200 especialistas fronte a 165 prazas de medicina
O persoal foi outro dos puntos centrais da crítica socialista. O plan prevé crear 644 prazas ata 2030, das que 165 serían de medicina. Torrado contrapuxo esa cifra aos máis de 1.200 profesionais que, segundo indicou, sairán das unidades docentes galegas preparados para traballar na atención primaria durante ese período.
«Vostedes xa nin sequera se propoñen contratar os que imos formar», reprochou ao Goberno galego. O deputado cuestionou que a planificación de recursos humanos non contemple incorporar unha parte maior dos especialistas que se están formando no sistema.
Tamén puxo en dúbida a viabilidade do límite de 30 pacientes diarios por médico de familia, unha das medidas máis visibles da reforma. Torrado preguntou cantos pacientes atende de media cada facultativo na actualidade, un dato que, segundo sinalou, o conselleiro non achegou, e fixo os seus cálculos a partir dunha estimación de 37 consultas ao día.
Con preto de 2.750 médicos de familia no sistema, reducir as axendas ata os 30 pacientes suporía deixar fóra arredor de 19.000 citas diarias, segundo a estimación presentada polo socialista. «Que é o que vai pasar? Que non as imos perder. Van ter que facelas igualmente», afirmou.
Na súa opinión, eses pacientes non van desaparecer: ou o límite anunciado non se aplica realmente ou as consultas que non poidan atenderse acabarán engordando as listas de espera. Torrado advertiu de que a Xunta podería terminar pagando máis pola mesma actividade asistencial sen resolver o problema das demoras.
Medidas que o PP rexeitou no pasado
O portavoz socialista lembrou que algunhas das propostas incluídas agora no plan xa foran defendidas polo PSdeG e rexeitadas polo PP en anteriores debates parlamentarios. Citou como exemplo a incorporación de podólogos aos centros de saúde, unha iniciativa que os socialistas presentaron en maio de 2017 e que non contou co apoio dos populares.
«Hoxe, case dez anos despois, veñen vostedes dicir aquí que hai que incorporar podólogos en primaria. Benvidos», ironizou. Tamén mencionou a proposta de avanzar cara á paridade entre enfermeiras e médicos, así como a recuperación da Dirección Xeral de Atención Primaria, suprimida en 2009 durante o Goberno de Alberto Núñez Feijóo.
«Chegan tarde, pero benvidos tamén», díxolle ao conselleiro.
Torrado cuestionou igualmente a dotación de apoio administrativo prevista pola Xunta, que describiu como un administrativo por cada seis centros de saúde. Ao seu xuízo, esa proporción non abonda para resolver as dificultades organizativas que soporta a atención primaria. «Non se pode cruzar un precipicio en dous saltos. É fisicamente imposible e é o que quere facer vostede», advertiu.

«Anuncien menos. Cumpran máis»
Fronte ao plan presentado polo Goberno galego, o deputado defendeu cambios na organización das consultas e na distribución dos recursos. Entre eles, propuxo introducir sistemas de triaxe na Atención Primaria para ordenar a demanda cando sexa necesario e revisar o cálculo dos cupos médicos.
A súa proposta pasa por ter en conta non só o número de persoas asignadas a cada profesional, senón tamén a frecuencia coa que acoden á consulta e as necesidades asistenciais de cada zona. «Non é o mesmo atender no centro da Coruña que atender no medio do rural, no Caurel», explicou.
O socialista reprochou ademais á Xunta que presente novas reformas sen avaliar suficientemente as anteriores. «Non se trata de anunciar novos plans cada dous ou tres anos aquí e crer que un inventa a pólvora», afirmou antes de resumir a súa petición ao conselleiro: «Anuncien menos. Cumpran máis. Ou polo menos cumpran algo».
OuTraS NoVaS
- “Hoxe en Galicia é máis fácil conseguir unha cita no Tinder que no Sergas”
- Detenida en Cangas por su presunta vinculación en una estafa bancaria de más de 47.000 euros
- Vente al único banco para el que querrás trabajar gratis
- Tres mil metros de cable robado y un incendio forestal: la pista que llevó a prisión a un sospechoso
- Compró unos tenis de marca por Instagram y le llegaron unos zapatos que habían hecho tres veces el Camino de Santiago, ida y vuelta





