Destacados Vigo al minuto

O BNG esixe explicacións ao alcalde polo terceiro peche de praias por contaminación fecal

Os nacionalistas consideran un «insulto á intelixencia» atribuír os episodios ás choivas

Vigo | Carlos Díaz

O peche das praias por contaminación fecal volve vén de mover ao BNG a esixir explicacións ao Goberno de Abel Caballero despois do terceiro episodio deste verán, que obrigou a pechar ao baño os areais de Samil e A Punta. A formación nacionalista considera que os sucesivos casos evidencian un problema estrutural na rede de saneamento e reclama unha auditoría completa para localizar os puntos problemáticos e corrixilos.

Así, o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, rexeita que o Concello atribúa estes episodios ás choivas. Considera que esa explicación é un «insulto á intelixencia» e acusa o Goberno local de non afrontar un problema que, ao seu xuízo, se repite cada verán. «Caen catro pingas e os colectores colapsan, botando augas sen depurar directamente ao mar», denuncia.

Para os nacionalistas, o ocorrido en Samil e A Punta non é un episodio illado. É o terceiro caso de contaminación fecal rexistrado este verán nas praias de Vigo. A finais de xuño pechouse ao baño o areal de Alcabre e a mediados de agosto produciuse outro episodio en A Punta. A estes casos engádese o vertido de augas sen depurar denunciado polo BNG a pasada semana no dique do Náutico.

«É a evidencia dun fracaso estrutural: despois de 30 anos seguimos tratando a ría de Vigo como unha gran cloaca», afirmou Igrexas. O portavoz nacionalista lembrou tamén que a veciñanza de Vigo paga, segundo o BNG, «un dos recibos de saneamento máis caros de Galiza».



O BNG pide unha auditoría de toda a rede

A formación nacionalista vai solicitar a convocatoria urxente do Consello Sectorial de Medio Ambiente do Concello de Vigo para abordar os últimos episodios de contaminación. O obxectivo é que o Goberno local explique as causas dos peches e concrete que medidas pretende adoptar para evitar que volvan repetirse.

O BNG reclama ademais unha auditoría integral da rede de saneamento, unha petición que asegura ter formulado xa en varias ocasións. Os nacionalistas consideran necesario revisar o estado de toda a rede, localizar os puntos polos que se producen as verteduras e executar as actuacións necesarias para impedir que as augas residuais cheguen sen depurar ao litoral.

«Non podemos aceptar que a inacción municipal permita que se continúen a verter augas sen depurar ao mar», advertiu Igrexas.

Para o BNG, as explicacións baseadas exclusivamente en episodios puntuais de choiva non resolven o problema. A formación reclama unha actuación de fondo sobre o saneamento para garantir a calidade da auga nas praias viguesas e evitar novos peches durante o verán.

«Hai que poñer fin dunha vez por todas a este vergoñento espectáculo de cada verán», concluíu o portavoz municipal.


OuTraS NoVaS


Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.