Cultura

Tras o Mundial chegan as Olimpíadas… ao Porriño: Porrigalia xa está lista

Galos, romanos, gregos, castrexos e exipcios mediarán as súas forzas esta fin de semana

Tras o Mundial chegan as Olimpíadas… ao Porriño: Porrigalia xa está lista
Tras o Mundial chegan as Olimpíadas… ao Porriño: Porrigalia xa está lista

Se España acaba de celebrar o seu triunfo no Mundial de fútbol, O Porriño prepárase agora para vivir as súas particulares Olimpíadas. A conta atrás para Porrigalia xa rematou e a vila converterase esta fin de semana, os días 25 e 26 de xullo, sábado e domingo, nun escenario onde a historia, o humor e o deporte popular se mesturan nunha das festas máis singulares do verán galego.

Durante dous días, as rúas cambiarán completamente de aspecto para recibir a galos, castrexos, romanos, gregos e exipcios, as cinco civilizacións protagonistas dunha celebración que cada ano reúne a milleiros de persoas arredor dunha programación chea de espectáculos, música, gastronomía e actividades gratuítas.

Na presentación oficial da nova edición, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Festas, Bienvenido Estévez, destacaron o carácter colectivo dun evento que non sería posible sen a implicación das asociacións, ANPAS, comerciantes e hostaleiros da vila.

«O Porriño convértese durante unha fin de semana nun lugar onde cultura e deporte van da man«, sinalou o rexedor.


O Rei Castrexo volverá destronar ao alcalde

Un dos momentos máis agardados de Porrigalia volverá producirse o sábado ás 11.00 horas, cando arranque o Gran Desfile desde San Sebastián ata a praza do Concello.

Alí terá lugar o tradicional Destrone do Alcalde, unha representación chea de humor na que o Rei Castrexo toma simbolicamente o control da vila, secuestra ao alcalde e impón unhas novas normas baseadas na festa, os bailes, os cantos e a diversión.

Tras este peculiar «golpe de estado», acenderase a chama olímpica e celebrarase o pregón, que nesta edición correrá a cargo de Galidrone, o proxecto formado polos porriñeses Sergio e Daya, creadores de contidos que difunden Galicia e o patrimonio doutros destinos a través das redes sociais, onde reúnen unha comunidade de máis de 200.000 seguidores.


As probas olímpicas volven ser o gran espectáculo

O corazón da festa serán, unha vez máis, as tradicionais Probas Olímpicas, nas que as distintas civilizacións competirán en retos de forza, habilidade e resistencia física nun ambiente marcado polo humor e a participación.

A primeira sesión celebrarase o sábado ás 19.00 horas na Praza do Cristo, mentres que o domingo, a partir das 11.30 horas, as competicións trasladaranse tamén á rúa Ramón González.

A programación deportiva completarase coa exhibición Crossgalia, prevista para o domingo entre as 20.00 e as 20.30 horas na Praza do Cristo, unha proposta inspirada no universo de Astérix e Obélix.

Como en edicións anteriores, repartiranse 500 cartóns olímpicos que os participantes deberán selar nas distintas probas. Quen consiga completar sete desafíos poderá trocar o cartón por unha consumición gratuíta nos establecementos colaboradores.


Queimada, Bolechas e actividades para toda a familia

A vertente máis tradicional da festa culminará o sábado ás 22.00 horas coa xa clásica Gran Queimada, dirixida polo Rei Panoramix na Praza Arquitecto Antonio Palacios.

O domingo será a quenda da despedida, coa entrega simbólica do bastón de mando ao alcalde e o desfile SubUmbra, que pechará unha nova edición de Porrigalia.

Os máis pequenos tamén terán o seu protagonismo. O domingo ás 18.00 horas, a Praza 8 de Marzo acollerá Gladiator Kids, unha carreira de obstáculos para a que será necesario inscribirse previamente de forma gratuíta.

Ademais, durante toda a fin de semana haberá obradoiros infantís na Praza Antonio Palacios, exhibicións de cetraría no Parque Templete, o espectáculo dos Bolechas o sábado e sesións de pintacaras o domingo.


OuTrAS NoVaS


Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.