
Xa podes levar ao Porriño por bandeira… literalmente. O Consello da Xunta aprobou este martes o escudo oficial e a bandeira do Concello do Porriño, un acordo que supón un fito histórico para o municipio, que ata o de agora non contaba cun estudo heráldico rigoroso nin cunha simboloxía oficial validada conforme aos principios da heráldica tradicional.
A nova imaxe institucional busca preservar a identidade histórica da vila ao tempo que incorpora elementos que representan a súa evolución social, económica e cultural.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, salienta que a proposta «non pretende romper coa tradición local, senón integrar, actualizar e reforzar os elementos que definen O Porriño como comunidade».
Así, o novo escudo mantén referencias históricas moi vinculadas á memoria colectiva, como a Ponte do Valo e o río Louro, presentes xa nos primeiros carimbos municipais documentados antes de 1840. A estes símbolos súmanse outros que representan a identidade do municipio, como as espigas de trigo, en referencia ao recoñecido pan do Porriño; a torre da Casa Consistorial, obra de Antonio Palacios; a roda dentada, símbolo da fortaleza industrial; e o compás e a chumbada de canteiro, que homenaxean a tradición da cantería e do granito.
A Casa Consistorial, de Palacios, símbolo principal
Segundo explicou Lorenzo, a incorporación da torre da Casa Consistorial converte este edificio, inaugurado en 1924 e construído con granito local, no principal símbolo civil e identitario da vila, substituíndo a antiga representación da igrexa parroquial.
As espigas de trigo recoñecen a importancia histórica da tradición panadeira do Porriño, documentada desde o século XIII e reforzada na actualidade pola existencia dunha marca protexida.
Pola súa banda, a roda dentada representa o peso da industria, do desenvolvemento tecnolóxico e da realidade económica actual do municipio, mentres que o deseño tamén fai referencia ás nove parroquias que integran o termo municipal.
O compás e a chumbada de canteiro evocan a histórica vinculación do Porriño coa extracción do granito, coa construción e coa figura de Antonio Palacios, un dos arquitectos máis ilustres nacidos na vila.
Coa aprobación definitiva por parte do Consello da Xunta, O Porriño oficializa por primeira vez unha simboloxía institucional adaptada aos criterios da heráldica, poñendo fin a décadas nas que o escudo sufriu diferentes modificacións e adaptacións gráficas.
OutRaS NoVaS
- A Guarda alerta de atascos provocados por las toallitas y otros residuos que llegan al saneamiento
- Dos detenidos el mismo día: uno forzó un bar y otro huyó con tarjetas robadas
- El tráfico mejora en la Avenida de Madrid, después de eliminar la rotonda
- Robaban gasoil directamente de los camiones estacionados en Mos: cuatro detenidos y 225 litros recuperados
- El campo de fútbol de Sampaio acumula vallados oxidados, vestuarios con humedades y problemas de drenaje





