
A poboación de gaivota patiamarela no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia experimentou un importante aumento no último ano, cun incremento do 35,5 % respecto ao período anterior. Así se puxo de manifesto durante a reunión do Padroado do Parque Nacional celebrada este mércores en Vigo, na que se presentaron os principais resultados do último censo desta ave mariña.
A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, destacou que entre 2025 e 2026 se rexistraron 6.072 parellas reprodutoras nos catro arquipélagos que integran o parque, fronte ás 4.480 contabilizadas o ano anterior, o que supón o maior avance rexistrado nos últimos censos da especie neste espazo protexido.
Segundo sinalou, as Illas Atlánticas continúan a ser un dos principais refuxios para as aves mariñas do norte peninsular. Neste sentido, puxo en valor o labor de seguimento e conservación que se desenvolve no parque, ao considerar que está a contribuír á recuperación dalgunhas especies e a garantir o bo estado das súas poboacións.
Ons lidera o crecemento da especie
Os datos do censo reflicten importantes diferenzas entre os distintos arquipélagos. Ons foi o que rexistrou o maior incremento porcentual, cun aumento do 71,3 % no número de parellas, ao pasar de 659 a 1.129.
Pola súa banda, Sálvora mantense como o arquipélago con maior poboación de gaivota patiamarela e consolídase como o principal núcleo reprodutor do parque, con 3.707 parellas.
Nas illas Cíes, a evolución da especie mantense estable, mentres que Cortegada continúa sendo o arquipélago con menor presenza desta ave.
Nova Reserva da Biosfera e conservación
Durante a reunión do Padroado tamén se abordou a proposta para crear a oitava Reserva da Biosfera Rías Baixas, que tería como núcleo principal o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e estendería o seu ámbito territorial desde Porto do Son ata Baiona.
Ademais, os membros do Padroado coñeceron distintos informes sobre as actuacións desenvolvidas nos últimos meses en materia de conservación da biodiversidade, así como os resultados das últimas prospeccións arqueolóxicas realizadas nas illas Cíes e Ons.
A sesión concluíu coa proxección dun vídeo no que se recollen as principais actuacións levadas a cabo recentemente nos distintos ámbitos de xestión do Parque Nacional.
OuTrAs NoVaS
- “Hoxe en Galicia é máis fácil conseguir unha cita no Tinder que no Sergas”
- Detenida en Cangas por su presunta vinculación en una estafa bancaria de más de 47.000 euros
- Vente al único banco para el que querrás trabajar gratis
- Tres mil metros de cable robado y un incendio forestal: la pista que llevó a prisión a un sospechoso
- Compró unos tenis de marca por Instagram y le llegaron unos zapatos que habían hecho tres veces el Camino de Santiago, ida y vuelta





