O ‘Sinsal’ máis grande da historia: San Simón, Vigo, Oia e Braga unidos por seis días de música

O evento do cartel secreto reunirá 30 artistas de 12 países en seis xornadas de concertos

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia dá un paso máis na súa evolución e presenta unha das edicións máis ambiciosas da súa historia. Considerado polos expertos como un dos dez mellores festivais de música de España, o evento ampliará en 2026 a súa duración a dúas fins de semana e sairá por primeira vez da illa de San Simón para estender a súa programación a novos espazos de Vigo, Oia e Braga, xusto antes de celebrar o seu 25º aniversario.

A edición foi presentada este luns no Museo do Mar de Galicia e desenvolverase do 24 ao 26 de xullo e do 31 de xullo ao 2 de agosto, convertendo o corazón da ría de Vigo no punto de partida dunha travesía musical que tamén recuperará o histórico vínculo cultural con Portugal.


Cartel secreto

A primeira fin de semana manterá a esencia que converteu Sinsal nun festival único: concertos diúrnos na illa de San Simón, acceso en barco desde Vigo e Meirande e un cartel secreto que o público só descobre ao desembarcar.

Como novidade, o venres 24 celebraranse dous concertos inaugurais en espazos singulares da cidade: o Planetario do Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico e a cámara semianecoica da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo.

A segunda fin de semana levará a programación a escenarios patrimoniais e industriais como a Nave de Redeir@s de Bouzas, Kaleido Logistics, o Museo do Mar de Galicia e o Real Mosteiro de Oia. Ademais, por primeira vez, o festival cruzará a fronteira para chegar a Braga da man do Festival Semibreve, recuperando o eixo cultural entre Vigo, Porto e Lisboa que inspirou os inicios do proxecto.


Trinta artistas de catro continentes

O cartel reunirá 30 bandas, solistas e DJs procedentes de 12 países de catro continentes, cun percorrido por estilos tan diversos como as músicas de raíz, o rock, o hip hop, o afrobeat, o pop contemporáneo ou a electrónica.

A organización avanzou que esta edición contará con 15 estreas, dez delas en España e cinco en Galicia. Polo momento só confirmou a actuación do dúo Las Nietas del Charli, que ofrecerá un concerto o 31 de xullo na Nave de Redeir@s de Bouzas, aínda que tamén haberá bandas premiadas internacionalmente que debutarán ante o público galego.

En total, o festival despregará 13 escenarios repartidos entre espazos naturais, industriais, históricos e académicos de Galicia e Portugal. Ademais da música, volverá apostar por unha ampla programación paralela con actividades divulgativas sobre o patrimonio de San Simón, obradoiros de experimentación sonora e un showcooking coa chef Begoña Vázquez.

A clausura terá lugar no Real Mosteiro de Oia coa actuación da cantautora Alondra Bentley.


Compromiso coa sustentabilidade

O compromiso ambiental seguirá sendo unha das sinais de identidade de Sinsal. O festival impulsará por terceiro ano consecutivo a iniciativa #sinsalsenrastro, baseada na redución, reutilización e reciclaxe de residuos.

Como xa ocorreu nas últimas edicións, desaparecerán as papeleiras tradicionais da illa de San Simón e a xestión dos residuos recaerá na responsabilidade individual do público, coa centralización da recollida no Punto R.

Entre as novidades destaca un acordo con Iluminacións Santiaguesas para reciclar os vasos de plástico ríxido empregados durante o festival e transformalos en elementos da iluminación de Nadal e doutras celebracións públicas.


Últimas entradas dispoñibles

A organización mantén á venda –entrando AQUí– as últimas entradas para as xornadas do 24 e 26 de xullo na illa de San Simón, mentres que os abonos e os billetes para o sábado 25 xa están esgotados.

Tamén poden adquirirse as entradas para os concertos da segunda fin de semana en Braga, Vigo e Oia, así como un abono especial para todas as actuacións previstas na cidade olívica os días 31 de xullo e 1 de agosto.


OuTRas NoVaS


Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.